Valdeorras e maila provincia de Vilafranca do Bierzo (1ª parte)

Montañas del Bierzo

Por Xabier Lago Mestre.

As dúas bisbarras viciñas de Valdeorras e O Bierzo teñen moitos vincallos históricos. Salientamos a participación dos dous territorios baixo un mesmo ente institucional. Foi este a chamada provincia de Vilafranca do Bierzo durante o Trienio Liberal (1820-1823). Sempre é unha boa xeira para lembrar esta institución política e achegar datos daquela descoñecidos para a meirande parte dos valdeorreses e bercianos.

A constitución desta provincia de Vilafranca tivo uns importantes debates políticos, exemplos dos lindeiros territoriais, o nome da provincia e a capitalidade. Neste caso trataremos o problema dos seus límites territoriais. Antes convén dicir que durante toda a Idade Moderna (séculos XVI ao XVIII) existíu a provincia do Bierzo, polo mandato dos Reis Católicos no ano 1486, baixo a xefatura do corrixidor da vila reguenga de Ponferrada. A orixe desta peculiar provincia foi consecuencia da rebelión do conde de Lemos, tralas desputas pola herdanza do seu señorío. A derrota militar do conde Rodrigo, fronte aos ditos Reis, provocou a  perda dos seus territorios bercianos que pasaron a formar o novo marquesado de Vilafranca, ademáis da merca de Ponferrada pola Coroa, e a ordenación territorial do Bierzo mediante a constitución da provincia fiscal.

Esta provincia do Bierzo, do período coñecido coma Antigo Réxime, estaba formada por algúns territorios da actual Valdeorras, comprendidos na meirindade de Aguiar (Porto, O Real, Veiga de Cascallá entre outros), así como da Carballeda (Sobradelo, O Trigal, A Portela, Lardeira e demais). Pero a novidade da posterior provincia de Vilafranca do Bierzo foi a inclusión de toda a bisbarra de Valdeorras. Esta provincia do século XIX abranguía un maior  territorio delimitado pola serra do Eixe ata a ponte de Petín.

OS CRITERIOS DELIMITADORES DAS PROVINCIAS

Convén pescudar nesta peculiar inclusión da bisbarra de Valdeorras na provincia de Vilafranca do Bierzo. Como antecedentes temos un ditame de 1821, dos relatores Felipe Bauzá y José Agustín de Larramendi, que indica que “dentro de esta provincia (de León) se ha formado, con el valle de Valdeorras, la de Ponferrada, que aunque pequeña, necesaria por hallarse el país que la compone todo cerrado, con puertos intransitables mucha parte del año, conformidad de costumbres y producciones (…)”. Así pois, temos eiquí varias razois da unión de Valdeorras co Bierzo, o intento de medrar o novo territorio provincial, ademais de motivos orográficos, derivadas do seu illamento, así como os costumes comúns e produciois agrogandeiras.

A difícil orografía foi motivación axeitada para demandar a provincia do Bierzo. O deputado leonés Benito Lobato afirma que unha cabalería «no podía hacer seis (leguas), ni aun cuatro al día, porque la escabrosidad del terreno no lo permitía (…)» (DSC. 7 de outubro de 1821). Mentres que o político Mariano Villa teima no aspecto montañoso para esixir a exención do requisito mínimo de poboación, «para que las provincias situadas sobre un terreno estéril y escabroso consigan alguna comodidad, es necesario dejarlas reducidas a menor población, como sucede a la del Vierzo, situada entre montañas de primer orden (…)» (DSC. 1 de outubro de 1821).

Como vemos uns deputados alegaron esta variada caracterización territorial das dúas bisbarras para fundamentar a necesidade da nova provincia. O presidente da Comisión, Diego Clemencín, declara que «ésta (provincia do Bierzo) se halla rodeada de montañas que la aislan y naturalmente la constituyen en un estado de provincia. Gran parte de sus habitantes viven muchos meses del año como en un mundo aparte, y no será justo abandonarlos, olvidrse de su comodidad, y privarlos de los medios de gobernarse en su mismo circuito (…)» (DSC. 2 de outubro de 1821). Esta tese defendía acercar a institución provincial ao territorio cun criterio de descentralización administrativa.

Sen embargo, outros deputados criticaron a novo provincia do Bierzo. Porque ésta era moi pequena, cos seus 86.385 habitantes e, polo tanto desaconsellable baixo todos os puntos de vista. Neste senso falaba o vallisoletano Antonio Ramonet, «las provincias pequeñas, o de cuarta clase, que propone la Comisión, son en primer lugar, perjudiciales; en segundo, antieconómicas, y en tercera, anti-políticas (…)» (DSC. 6 de outubro de 1821).

En fin, os deputados utilizaron diversos criterios para deseñar o mapa provincial do Estado español. Segundo os sintetiza o profesor Jacobo García Álvarez, por orde decrecente, poboación (con límites máximos e mínimos), extensión (tendo en conta a distancia á capital), a topografía (en relación coas comunicaciois), historia e cultura (linguas comúns) e mailos intereses políticos locais.

O Bierzo, xullo de 2014.

 

O Noso amigo Xabier Lago Mestre escribe no seu blog: WWW.OBIERZOCEIBE.BLOGSPOT.COM

También te podría gustar...