el_caminoTurismo de Galicia participará ao longo desta semana en dúas feiras internacionais para promover o Camiño de Santiago en Alemaña e Canadá.

Turismo de Galicia participará ao longo desta semana en dúas feiras internacionais ao obxecto de difundir os valores do Camiño de Santiago en Alemaña, un dos países que máis peregrinos achega á Ruta Xacobea, e no certame de carácter xeral International Tourism & Travel Show para a promoción do destino Galicia en Canadá.

Deste xeito, entre os días 23 e 25 de outubro, a Xunta, a través de Turismo de Galicia promoverá o Camiño de Santiago na feira especializada en turismo relixioso ‘Gloria’, que ten como sede a cidade alemá de Ausburg.

Este é un dos certames dedicados ao turismo relixioso máis importantes de Europa e celébrase dende hai dous anos nesta cidade bávara logo de que tivese como sedes as localidades austríacas de Dornbirn e Sankt.

Para a difusión dos valores xacobeos nesta feira, Turismo instalará un stand de 24 metros cadrados no que os profesionais do turismo e os visitantes en xeral poderán obter cumprida información sobre o Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo.

Alemaña é un dos países que máis peregrinos achega á Ruta Xacobea, de xeito no que vai de ano 15.426 alemáns fixeron xa o Camiño de Santiago, o que supón que esta nacionalidade lidere a listaxe de estranxeiros que completan o Camiño.

Promoción en Canadá
Por outra parte, entre os días 24 e 26 de outubro, Turismo de Galicia participará na feira ‘International Tourism & Travel Show’ que se desenvolverá na cidade de Montreal (Canadá).

Trátase dun certame turístico de carácter xeral onde o departamento autonómico de Turismo promoverá os principais valores turísticos da Comunidade galega, dentro do recinto que instalará Turespaña.