Inaugúrase no Arquivo Histórico Provincial de Ourense a mostra ‘O Padre Feijoo, a traza galega dun ilustrado universal’ co gallo do 250 aniversario do seu pasamento

a mostra “O Padre Feijoo, a traza galega dun ilustrado universal”

 

Inaugúrase no Arquivo Histórico Provincial de Ourense a mostra ‘O Padre Feijoo, a traza galega dun ilustrado universal’ co gallo do 250 aniversario do seu pasamento.

O titular de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, inaugurou hoxe a exposición no Arquivo Histórico Provincial de Ourense “O Padre Feijoo, a traza galega dun ilustrado universal”, dedicada a este ilustre pensador con motivo do 250 aniversario do seu pasamento. Na mostra atópanse documentos orixinais procedentes do devandito arquivo, así como imaxes doutros fondos xestionados pola Xunta de Galicia, que achegan a figura e a obra de Benito Jerónimo Feijoo, ademais das distintas homenaxes que se lle renderon en Ourense durante os séculos XIX e XX. Con esta exhibición o Arquivo ourensán súmase aos actos conmemorativos no que distintas institucións lle renden homenaxe este ano ao frade co obxectivo de lembrar a importancia da súa figura no panorama intelectual español do século XVIII e do seu legado ás xeracións posteriores. A mostra poderá visitarse ata o 5 de Decembro en horario de 11:00 a 13:30 e de 17:00 a 20:00 horas.

Vázquez Abad sinalou na súa intervención que as características humanas do Padre Feijoo son “as de un galego tipo, un polígrafo que, nos seus momentos máis íntimos, deixounos en lingua galega algúns versos como proba manifesta da súa galeguidade”. Deste xeito, engadiu o titular de Cultura e Educación, “podemos afirmar que na España do seu tempo, non hai un exemplo de máis intensa axitación intelectual que a xerada por este sabio, que loitou contra os prexuízos, as supersticións, así como os convencionalismos do seu tempo e do seu pobo”.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, rematou reiterando “o compromiso adquirido con este tributo ao Padre Feijoo, co obxectivo de lembrar a importancia da súa figura no século XVIIII, así como contextualizar o seu legado para as xeracións posteriores”.

También te podría gustar...