image_galleryO presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a creación de dúas novas aceleradoras para pemes innovadoras e empresas de base tecnolóxica galegas en fase de consolidación, que se ubicarán nas provincias que non contaban con ningún ata o de agora, Lugo e Ourense. “Interésanos seguir insistindo na innovación como fonte de creación de emprego e dun novo modelo económico despois da recesión”, explicou Feijóo.

Estas dúas aceleradoras buscarán favorecer o desenvolvemento de iniciativas vinculadas aos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa, “por entender que nestas dúas provincias estes proxectos poden ter maior éxito”, segundo precisou o presidente. Os espazos, denominados AgroBiotech, estarán situados no Parque Tecnolóxico de Galicia, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas, e no Centro Tecnolóxico Alimentario-CETAL de Lugo.

Entre as súas vantaxes, Feijóo resaltou que, ao compartiren as empresas o mesmo espazo, “facilitarán a transferencia do coñecemento e o acceso á información entre as empresas que traballan en rede” e que lles permitirán “incrementar a capacidade de captación de financiamento público non só galego e español, senón tamén europeo” no marco do Horizonte 2020, cuxas ferramentas financeiras reservan máis de 80.000 millóns para a innovación.

Os dous centros AgroBiotech complementan ás dúas aceleradoras que xa existían en Galicia: ViaVigo, promovida en colaboración coa Zona Franca, na cidade olívica, e Galicia Open Future, situada na Cidade da Cultura de Santiago. “Trátase de que as aceleradoras de empresas non só existan no Eixo Atlántico, senón tamén na Galicia do interior, e ademais vinculadas a sectores que entendemos que teñen capacidade de ubicación no interior”, incidiu o mandatario autonómico.

Para acadar estas metas, a Axencia Galega de Innovación destinará ao programa 750.000 euros no primeiro ano, co obxectivo de beneficiar a 15 pemes innovadoras nuns espazos que teñen vocación de permanencia.

Acceso aos fondos I2C

Sumando esta cantidade á destinada á Galicia Open Future e VíaVigo, Feijóo precisou que, en total, “estamos a investir tres millóns de euros”. De acordo cos datos das aceleradoras de Vigo e Santiago, as de Lugo e Ourense “chegarán a cen emprendedores” que poderán crear “unha serie de empresas que poidan chegar a facturar no futuro e, o que é máis importante, crear emprego”. “As aceleradoras terán acceso ao financiamento dos fondos I2C, de ata 15 millóns de euros”, afirmou o presidente da Xunta.

Coa apertura das dúas AgroBiotech, as catro provincias galegas contarán xa con aceleradoras de empresas. “Queremos pechar o mapa das empresas innovadoras de Galicia”, concluíu Feijóo.