image_gallery

 

“A Xunta aumentará nun 10% as inspeccións no control da calidade comercial alimentaria este ano”. Adiantouno esta mañá a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, despois da Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural celebrada en Madrid.

A conselleira trasladou que, coas inspeccións previstas para este exercicio, Galicia é a terceira comunidade que máis intervencións realiza nesta materia, despois de Andalucía e Castela e León. Así sinalou que, á vista destes datos, Galicia realiza case o 10% das inspeccións do conxunto do Estado, un número máis elevado que o que lle correspondería á nosa comunidade en relación co peso de Galicia nos sectores alimentarios aos que se dirixen estes controis.

Rosa Quintana lembrou que esta programación das inspeccións, enmarcada no Plan Nacional de Control Oficial da Cadea Alimentaria 2011-2015, ten como obxectivo orientar as actuacións para conseguir a máxima eficacia e homoxeneidade no sistema de control da calidade comercial e evitar condutas fraudulentas.

Aplicación do programa de inspeccións
Este programa de vixilancia diríxese aos elaboradores, envasadores, almacéns e distribuidores maioristas. Así, as inspeccións a realizar centraranse principalmente nos produtos de maior valor socioeconómico e nelas controlarase a documentación de autorización e rexistro de empresas, o autocontrol, a trazabilidade, o etiquetado, a calidade dos produtos e o control do contido efectivo (volume real do envase), entre outros aspectos.