Román Rodríguez subliña que a declaración dos Camiños do Norte como Patrimonio da Humanidade é unha oportunidade para “o progreso e o crecemento intelixente” de Galicia

SantiagoCompostela

 

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou hoxe a oportunidade que supón para a provincia de Lugo, en particular, e para o conxunto de Galicia, en xeral, a declaración das rutas dos Camiños do Norte como Patrimonio Mundial da Unesco.

O conselleiro e maila directora de Turismo de Galicia, Nava Castro efectuaron esta mañá un percorrido polo Camiño Primitivo, na cidade de Lugo, onde estiveron acompañados da presidenta da Deputación, Elena Candia, e de alcaldes e representantes municipais de concellos por onde discorren os Camiños do Norte.

Referente mundial do patrimonio
Segundo Román Rodríguez, a declaración da UNESCO supón para Galicia “unha oportunidade para o progreso e o crecemento intelixente da nosa comunidade”. Así mesmo subliñou que con esta declaración Lugo consolídase como “un referente mundial” no eido do patrimonio cultural ao contar cunha ruta de peregrinación e dous elementos patrimoniais vinculados e incluídos na inscrición, contando co máximo galardón que se pode obtén neste ámbito, como son o propio Camiño Primitivo, a Catedral e a Muralla.

Ademais o conselleiro lembrou que o seu departamento leva investidos preto de 12 millóns de euros nos 24 concellos (16 da provincia de Lugo e 8 da Coruña) polos que pasan as rutas dos Camiños do Norte, que o pasado domingo foron declarados en Bonn Patrimonio Mundial da UNESCO.

Román Rodríguez recoñeceu, así mesmo, o esforzo colectivo de cinco comunidades autónomas e do Ministerio de Cultura por acadar este recoñecemento, e emprazou a seguir traballando “tamén de forma colectiva” no futuro co fin de “pór en marcha políticas de xestión, conservación e posta en valor de xeito coordinado”.

Continuas intervencións de Turismo de Galicia
Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, afirmou que cada vez son máis os peregrinos que se decantan por estes itinerarios. Segundo sinalou Nava Castro, no que vai de ano o Camiño Primitivo acolleu un total de 3.524 peregrinos e o Camiño do Norte suma xa neste ano 4.113 peregrinos.

Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta destacou que dende Turismo de Galicia e o Xacobeo se acometen nestes itinerarios intervencións continuas como o servizo de roza, limpeza e mantemento básico do Camiño, que supón un investimento de cerca de 239.000 euros anuais, ou a xestión dos albergues da Rede Pública, que conta con oito establecementos no Camiño do Norte e seis no Camiño Primitivo.

Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia recordou que na actualidade está en proceso de aprobación o Plan Director do Camiño de Santiago que pretende preparar estes itinerarios de cara ao vindeiro Ano Santo Compostelán de 2021. Neste senso, Nava Castro adiantou algunhas das numerosas medidas abordadas polo mesmo que afectarán directamente a estas rutas, como a creación dunha mesa de traballo sobre estes Camiños integrada polos Concellos polos que transcorre e a Deputación de Lugo, o programa de apoio ás asociación de amigos do Camiño existentes nestes itinerarios, os acordos con institucións eclesiásticas para a apertura de igrexas, o plan de sinalización e seguridade vial do Camiño ou a mellora de información aos peregrinos nos inicios dos Camiños e nos seus puntos máis relevantes, entre outras.

Os Camiños do Norte en Galicia
En concreto por Galicia transitan dúas das catro rutas: o Camiño da Costa, que comunica a cornixa Cantábrica con Compostela, e o Camiño Primitivo. Ademais, abarca singularmente catro monumentos: a Muralla e a Catedral lucenses, a Catedral mindoniense e o Mosteiro de Sobrado dos Monxes.

O Camiño do Norte, procedente de Asturias, ten dúas variantes, a coñecida como ruta da Costa e a ruta do Interior, que é a que se corresponde co Camiño Primitivo ou Camiño de Oviedo. O trazado deste camiño, ao seu paso por Galicia, discorre por un total de 9 concellos: A Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo, Guntín, Friol, Palas de Rei, Toques e Melide, onde finalmente entronca coa ruta principal do Camiño de Santiago: o Camiño Francés.

Pola súa banda, o Camiño da Costa discorre por un total de 16 concellos, en concreto falamos de Ribadeo, Barreiros, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Abadín, Vilalba, Guitiriz, Begonte, Friol, Sobrado, Vilasantar, Boimorto, Arzúa, O Pino e Santiago de Compostela, onde entronca co Camiño Francés á altura da cabeceira do aeroporto de Lavacolla.

Galicia incrementa así a súa nómina de declaracións, que até o de agora incluía xa á Cidade vella de Santiago de Compostela, elixida en 1985; o Camiño de Santiago Francés, inscrito en 1993; a Muralla romana de Lugo recoñecida no 2000; e a Torre de Hércules, que alcanzou a súa inclusión en 2009.