Conde salienta a cooperación como un elemento clave para avanzar na protección efectiva dos consumidores

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, abrirá o encontro do Consello de Dirección da Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aecosan) e os consellos nacional e autonómico de consumidores e usuarios. Ao acto asistirán a directora executiva de Aecosan, Teresa Robledo; a presidenta do Consejo de Consumidores y Usuarios, Manuela López Besteiro, e Rosa Otero, presidenta do Consello Galego de Consumidores e Usuarios. Na aula Colmeiro da EGAP (rúa Madrid, 2-4, Fontiñas). foto xoán crespo 08/07/15

 

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou onte a mañá a coordinación e cooperación entre as administracións con competencias en materia de consumo así como coas distintas entidades implicadas como un elemento clave para avanzar na protección efectiva dos consumidores.

Conde, que participou no encontro do Consello de Dirección da Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aecosan), dependente do Ministerio de Sanidade, que se reúne hoxe en Santiago, xunto cos consellos nacional e autonómico de consumidores e usuarios, resaltou o papel dos organismos que presiden Manuela López Besteiro e Rosa Otero, respectivamente, como órganos de consulta e representación institucional ante a Administración.

Destacou tamén o responsable de Economía e Industria na reunión, na que participou tamén a directora exectutiva de Aecosan, Teresa Robledo, o traballo das propias asociacións de consumidores, coas que o Instituto Galego de Consumo colabora cada ano para o desenvolvemento de actuacións de atención e resolución das reclamacións, e cuxo traballo, tal e como apuntou Conde, é imprescindible en ámbitos como a sensibilización, a información e o asesoramento.

Grazas a este traballo coordinado coas asociacións de consumidores e coa Administración central, nos seis primeiros meses do ano o Instituto Galego de Consumo leva atendidas máis de 14.000 consultas e tramitado preto de 8.500 reclamacións, acaparando unha vez máis as compañías de telefonía o maior número, cun 39%, seguidas polas eléctricas, cun 20% do total de reclamacións. Ademais, no primeiro semestre emitíronse preto de 1.600 laudos arbitrais, que en case o 80% dos casos foron favorables para o reclamante.

O IGC leva abertos máis de 1.000 expedientes sancionadores nos seis primeiros meses do ano, preto dun 10% máis que no mesmo período do ano anterior, por un importe total de 6,3 millóns, sendo a electricidade, con un 33% do número de expedientes, e a telefonía, cun 20%, os sectores máis sancionados.

No eido do control e seguridade do mercado, Galicia comunicou no que levamos de ano un total de 33 produtos inseguros á Rede de Alerta Nacional de produtos non alimenticios, grazas ao traballo da Inspección e do Laboratorio de Consumo de Galicia, o único dependente dunha autoridade de consumo que conta con acreditación ENAC.

Apuntou Conde que un dos ámbitos no que máis centra o IGC os seus esforzos é o da enerxía eléctrica, pola súa relevancia no benestar e na economía dos consumidores, Neste eido, nos seis primeiros meses do ano tramitáronse preto de 1.700 reclamacións, e un 77% xa teñen sido resoltas de forma favorable para o reclamante. Ademais, neste primeiro semestre o IGC ten aberto expedientes sancionadores ás eléctricas que suman 3,2 millóns de euros.

O conselleiro de Economía e Industria sinalou que as reunións que hoxe acolle Santiago, que se complementarán pola tarde cun encontro sobre a protección dos menores consumidores e as novas tecnoloxías, servirán para seguir avanzando na unidade de acción precisa para garantir un mercado máis seguro.