Presentacion.iniciativa.axudanos.a.axudarlles.01

 

A Deputación de Ourense, xunto a unha vintena de entidades públicas e empresas, colabora na iniciativa solidaria “Axúdanos a axudarlles”, promovida polo garda civil Óscar Castillo, en favor do seu compañeiro, Román David Gómez Maestre, ferido nun intento de atraco en Toledo, e tamén para achegar alimentos e recursos nestas datas de nadal ás familias máis necesitadas da provincia de Ourense. A iniciativa foi presentada hoxe no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o propio Óscar Castillo; o 2º xefe da Comandancia da Garda Civil de Ourense, Juan Antonio Feal, e representantes das empresas que colaboran neste proxecto solidario, entre as que figuran Aceites Abril, Coca-Cola, Estrella Galicia, Fundación Coren, U.D. Ourense, APES, Club Ourense Baloncesto e Fundación Atlético de Madrid, que entregou para a causa solidaria unha camiseta do club asinada polos xogadores do equipo.

Rosendo Fernández explicou que presentar este acto supón “unha honra polo que significa de colaborar nunha causa solidaria tan sinalada e xustificada como a que hoxe nos reúne aquí”, e agradeceu aos promotores da idea pola iniciativa e animou aos ourensáns a sumarse co seu apoio “para que entre todos poidamos facer realidade a nosa achega solidaria con Gómez Maestre e cos veciños e veciñas da nosa provincia que máis o están a necesitar”.

Pola súa banda, Óscar Castillo explicou que o operativo solidario consiste na venda de camisetas e participación de lotería de nadal, cun custo de 5 € cada unha, que os interesados poden mercan na Comandancia da Garda Civil de Ourense ou durante a celebración da feira Megaxove, que terá lugar en Expourense os vindeiros días 5, 6, 7 e 8 de decembro. Esta iniciativa solidaria xurdiu a consecuencia das graves lesións que sufriu o garda civil Román Gómez en acto de servizo en Toledo, ao recibir un disparo dun arma de fogo durante unha tentativa de atraco, o que lle produciu unha paraplexia. A primeira das campañas tivo lugar o pasado 20 de setembro coa celebración dunha carreira benéfica, e agora chega a Ourense co obxectivo de recadar fondos que irán destinados nun 50% para o garda civil ferido e noutro 50% para as familias máis necesitadas da provincia de Ourense. O club Atlético de Madrid, quen dende hai meses asumiu o seu compromiso de colaboración con esta acción solidaria, ademais da camiseta asinada polos xogadores colabora doando xoguetes para repartir nestas datas de nadal. Neste mesma liña, outras entidades colaboradoras súmanse á iniciativa solidaria achegando alimentos e roupa para repartir entre as familias de Ourense que máis o necesiten.