• Amosou un total agradecemento aos organizadores e ao público asistente
  • Recoñeceu que xa ten en mente a vindeira obra e que a idea é ambientala en Trives

O pasado sábado 8 de agosto tivo lugar a primeira presentación oficial en público da novela “La sonrisa de la huida” a cargo do seu autor Juan Álvarez López. O acto tivo lugar na Pobra de Trives, lugar escollido por Álvarez polo arraigo familiar e apego emocional que recoñeceu publicamente a este lugar.

Juan Álvarez López naceu en Barcelona, pero dende pequeno viña veranear cos seus pais á Pena Folenche, aldea moi próxima á capitalidade do concello da Pobra de Trives. Actualmente vive coa súa parella en Calzada de Calatrava, concello de Castilla-La Mancha, pero non perde de vir por aquí sempre que ten ocasión. “Para min, A Pena Folenche sempre foi e será a miña aldea”, recoñeceu na presentación. 

O evento, organizado polo Concello da Pobra de Trives en colaboración coa editorial Libros Indie e Hermanager Producións, congregou na Praza do Reloxo a unhas 50 persoas e realizouse cumprindo as medidas sanitarias oportunas. Interviron, ademais do autor, Cristina Paz, concelleira de Cultura, Fernanda Paz, como ‘madriña’ do autor para a ocasión, e Xosé Manuel Fernández, amigo persoal de hai moitos anos. Juan Álvarez, visiblemente emocionado durante todo o acto, recoñeceu o seu amor polas Terras de Trives e amosou un total agradecemento aos organizadores e ao público asistente.

 

Como curiosidades comentar que durante a presentación foron soando temas musicais de rock escollidos polo autor como acompañamento e que ao final os presentes puideron intervir e realizar preguntas. Unha delas referiuse á posibilidade de que a vindeira obra puidese ter ambientación en Trives. O autor recoñeceu que xa ten en mente algo e que si, que a idea é ambientala nestas terras.

Ao final do acto os asistentes puideron mercar a novela e Juan álvarez dedicou persoalmente todos os exemplares.

O AUTOR

Juan Álvarez López é un barcelonés que presume de sangue aragonés e galego pola herdanza xenética dos seus pais. Actualmente vive en Calzada de Calatrava (Castela A Mancha) pero sen perder nunca o contacto coa súa aldea vacacional, A Pena Folenche, na Pobra de Trives. A coñecida sentencia do poeta Rainer  Maria Rilke, “A verdadeira patria do home é a infancia” podería aplicárselle a Juan sen ningún problema polo apego emocional que ten dende pequeno coas Terras de Trives.

O seu primeiro contacto coa escritura foi en Barcelona onde colaborou na publicación mensual galega “A micro pechado”. A partir de aquí a súa afección literaria foi a máis participando con artigos e entrevistas en diferentes medios musicais. Ten catro libros auto-editados: “Letrastadas” (2015), “Que cousas…” (2016), “Sala de start” (2017), “Ata aquí” (2019) e neste 2020 acaba de ver publicada a súa primeira novela: “La sonrisa de la huida”. Dende hai uns meses tamén se poden seguir as súas columnas de opinión no medio dixital www.creandotuprovincia.es

 

A OBRA

Iván é un mozo orfo que medrou entre orfanatos e centros de acollida. Curtido na universidade das rúas do barrio chinés e o gótico barcelonés, logrou chegar ao seu recentemente estreada trintena cunha estabilidade laboral para vivir sen luxos pero sen apuros. As súas amizades converteunas en algo máis: en lazos familiares. A súa paixón pola música e as súas incursións no mundo da filosofía, lévanlle en ocasións a abstraerse do mundo real e rememorar momentos pasados e ocultos da súa vida. Unhas vacacións en solitario, acábanse convertendo nunha sucesión de aventuras; nas que o azar ou a casualidade van levar a situacións que nunca imaxinou. Un coche prestado. Un enigma que esconde a toda unha organización criminal detrás… e esa facilidade para estar no sitio adecuado, pero no peor momento.

 

“La sonrisa de la huida”, la ‘road-rock-movie’ que deberías leer este verano