O violinista Miquel Múñiz en Sober

  • O Ciclo ‘Música no Outono’ trae o sábado a Sober ao violinista Miquel Múñiz
  • A actuación forma parte dos concertos que organizan as Xuventudes Musicais de Sober e será 19:00 horas no Centro Sociocultural

O Goberno local e as Xuventudes Musicais de Sober organizan para o vindeiro sábado, dentro do ciclo ‘Música no Outono’ un concerto de violín a cargo de Miquel Múñiz, quen vai estar acompañado polo pianista Lluís Rodríguez Salvá. A actuación será ás 19:00 horas no Centro Sociocultural con entrada gratuíta.

En Fogos artificiais para violín poderemos escoitar algunhas das obras máis espectaculares, virtuosas e emotivas do S.XX. Grandes compositores universais como Prokofiev, Ravel ou Falla puxeron a mercé do violín o seu gran enxeño e explosiva creatividade. Infinidade de cores e recursos técnicos despréganse nestas sublimes pezas. Todo un reto e un privilexio para o seu intérprete.

Nacido en  Riudarenes (Xirona) en 2001, vive a súa infancia en Calonge. Comeza a estudar piano coa súa nai Monti Galdon e violín na escola de música  Adrià  Sardó con Sergi  Alpiste,  Mercè  Paradeda e Sara Pérez. Posteriormente recibe clases de Corrado Bolsi e Alba Roca complementando a súa formación estudando oboe con Montserrat López e tenor con Josep  Gispert. Aos dezaseis anos comeza os estudos de Grao Superior no Conservatorio do Liceu de Barcelona bolseiro pola  Fundació Ferrer- Salat onde os finalizará este curso baixo a mestría de Corrado  Bolsi. Alumno regular de Pavel  Vernikov e  Svetlana  Makarova na  Haute École de Musique de Lausanne como alumno de intercambio e na Academia Tibor  Varga de Sion (Suíza) participou en diferentes festivais de Alemaña, Andorra, España, Italia, Portugal, Romanía, Rusia, Suecia, Suíza e Turquía.

Premiado en máis de vinte concursos nacionais e internacionais destacan os primeiros premios no XCVI Concurso Permanente de Mocidades Musicais de España (Madrid, 2020), no VI Odin  International Music Competition (2021), no Concurso de Forum Musikae Valencia (2020), no IV Concurso de Violín de Barcelona (2019), no I Concurso Álvaro Parella ( Iniesta, 2018), no  XVII e XVIII Concurso Instrumental Sant Anastasi (Lleida 2017 e 2018) e no XVIII Concurso de Novos Intérpretes Ciudad de Xàtiva (2018).

 

 

Programa

Claude Debussy: Beau Soir

Béla Bartók: Seis Danzas Rumanas

Manuel de Falla: El Amor Brujo (I. Pantomima, II. Danza Ritual del Fuego

Karol Maciej Szymanowski: Nocturno & Tarantella

Eduard Toldrà: Sonetí de la Rosada

Nikolai Rimski-Kórsakov: Le coq d’Or Fantasy

Joan Manén: Danza Ibérica n.2

Maurice Ravel: Tzigane