ALMORZO

 

Carlos Tellez Domínguez, alumno do Centro de Educación Especial “O Pino” de Ourense de 17 anos de idade, resultou o gañador do primeiro premio, na categoría especial, do concurso de debuxo Debuxa o teu almorzo, convocado pola Consellería de Sanidade xunto co Foro Interalimentario e a Unión de Consumidores de Galicia ao abeiro dun convenio de colaboración asinado para a promoción de estilos de vida saudable.

O premio consistiu na entrega de entradas para asistir o premiado e os compañeiros a un partido do COB, patrocinadas pola dita entidade e dun lote de frutas frescas subministradas polo Foro Interalimentario , para o centro educativo CEE O Pino.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez -acompañado polas xefas territoriais das consellerías de Sanidade e Cultura e Educación, María Villar e Mercedes Gallego, e polos membros do xurado deste concurso- presidiu o acto de entrega do galardón que contou coa presenza de 12 alumnos máis do CEE O Pino que tamén participaron no concurso. O acto incluíu a degustación dun almorzo saudable.

Premio Sanidade

 

Na súa intervención, Martínez subliñou a importancia de levar hábitos de vida axeitados, especialmente no referente á alimentación, para que a poboación acade un estado óptimo de saúde e benestar, e os rapaces garantan o seu crecemento.

O almorzo é unha comida moi importante e contribúe a que os escolares teñan máis enerxía para desenvolver as súas actividades. Un almorzo equilibrado debe estar composto por un lácteo, cereais e froita.

En total 1.587 rapaces se presentaron á categoría xeral deste certame, para alumnos de 1º e 2º de Educación Primaria; e 219 optaron á categoría especial, dirixida para usuarios de centros de atención a persoas con discapacidade intelectual e/ou do desenvolvemento. O segundo e o terceiro premio na categoría especial recaeron no CEE Manuel López Navalón, de Santiago de Compostela, e na Asociación de pais e titores de Pernas con Discapacidade Intelectual, de Lugo, respectivamente.

Premio Sanidade1

 

Plan Xermola

O concurso Debuxa o teu almorzo é unha actividade desenvolvida no marco do Plan Xermola, a estratexia do Goberno galego para a prevención da obesidade infantil e xuvenil, aprobado no pasado ano 2014 .

Actualmente, no noso país, un dos problemas de saúde máis importante, pola alta morbilidade que produce, é a obesidade, que nos últimos anos está a sufrir un incremento, especialmente nos rapaces. Segundo un estudo levado a cabo pola Consellería de Sanidade, un de cada 3 rapaces galegos de entre 6 e 15 anos presentan sobrepeso ou obesidade, o que pon de manifesto a necesidade de actuar de maneira proactiva neste ámbito.

En España padecen sobrepeso e obesidade o 53% da poboación adulta e o 33% da poboación infantoxuvenil, de 2 a 17 anos.

Premio Sanidade2