Medio Rural e Mar entrega 14 novas motobombas a concellos do rural de Galicia para a loita contra os incendios forestais

image_gallery

 

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, acompañada polo secretario xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, e a delegada da Coruña, Belén do Campo, fixo entrega esta mañá en Santiago de 14 novas motobombas a concellos do rural de Galicia para a loita contra os incendios forestais. Deste xeito, o seu departamento contribúe á renovación do parque móbil de vehículos motobomba dos concellos co fin de mellorar a eficacia do dispositivo contra os lumes.

O departamento que dirixe Rosa Quintana investiu 2,1 millóns de euros na adquisición destes vehículos, no marco do Programa de Desenvolvemento Rural Sostible 2010-2014. Esta entrega súmase á realizada no mes de xaneiro do ano pasado, onde tamén se deron outras 14 motobombas por valor de preto de 2 millóns de euros.

Os vehículos entregados son de dous tipos: 9 deles equipados con cisterna de 3.000 litros e cabina sinxela (con capacidade para 3 persoas) e 5 equipados con cisterna de 2.400 litros e cabina dobre (con capacidade para 5 persoas). Os concellos beneficiarios desta entrega foron: Rois, Aranga, Mañón, A Fonsagrada, Vilalba, Meira, Guitiriz, Friol, Outeiro de Rei, Láncara, O Corgo, Laza, Melón e a Mancomunidade do Carballiño.

Estas motobombas pasan a estar integradas no dispositivo conxunto que se coordina baixo o mando único da Xunta. O Goberno galego aposta pola capacidade dos concellos, como administración máis pegada ao terreo, para a xestión de medios humanos e materiais na loita contra os lumes.

También te podría gustar...