image_gallery

 

Un total de 15 mozos e mozas procedentes da prefectura de Wakayama (Xapón) están a participar estes días nun intercambio xuvenil e cultural en Santiago de Compostela, organizado pola Consellería de Traballo e Benestar no marco do programa “A Xuventude no mundo”. Ao final da semana, convivirán con distintas familias galegas, o que lles permitirá coñecer outras zonas da comunidade autónoma.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, recibiu hoxe aos participantes nesta iniciativa. Na súa intervención, destacou que “malia a distancia xeográfica que nos separa, contamos cun gran nexo que nos une. Galicia e Wakayama son o núcleo de dous itinerarios de peregrinación e culturais máis importantes do mundo: o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo. E así o recoñece a UNESCO, que lle outorgou a ambas rutas a consideración de Patrimonio da Humanidade”.

Trátase da novena experiencia de intercambio xuvenil entre a Xunta de Galicia e Wakayama, o que suma un total de 135 participantes entre galegos e xaponeses.

Durante a semana que dura o intercambio, os mozos e mozas coñecerán a cultura, a lingua, e as costumes galegas; interactuarán con mozos galegos en distintas actividades; e durante os dous últimos días convivirán con familias de acollidas, as dos mozos e mozas do grupo de galegos que visitaron Wakayama o pasado mes de agosto nun intercambio de ida.

Deste xeito, o programa combina actividades educativas e culturais como: unha xornada de traballo con universitarios galegos nos que darán a coñecer a realidade sociocultural das dúas rexións; unha visita ás instalacións do grupo Inditex; o percorrido dun tramo do Camiño de Santiago; ou a visita ao casco antigo da cidade.

Rodeiro resaltou que estes intercambios “permiten aos mozos e mozas desenvolver habilidades, competencias e coñecementos; descubrir novas culturas, tradicións e estilos de vida a través da aprendizaxe entre iguais; consolidar valores como a solidariedade, a democracia e a amizade; e facilitar a concienciación intercultural e mellora das competencias lingüísticas”.

Ao respecto, lembrou que a Xunta ten entre os seus eixos prioritarios das políticas de xuventude e a promoción da mobilidade xuvenil. Así, o Plan estratéxico de Xuventude de Galicia 2014-200, horizonte 2020, inclúe 20 medidas de fomento da mobilidade.