xunta de galiciaO Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o ano 2015. Este documento establece unha serie de normas para realizar a actividade extractiva do marisqueo e da recolección de algas; como por exemplo, épocas e días máximos de extracción e zonas de traballo. É dicir, establece o réxime preciso para permitir a explotación marisqueira na Comunidade galega coas garantías dunha boa xestión do recurso, tendo en conta os datos e informes científicos dispoñibles.

Dentro deste plan xeral destaca como novidade o inicio da explotación da holoturia Holothuria forskali ante a incipiente demanda comercial. Esta especie, coñecida popularmente en Galicia como carallo de mar, enmárcase dentro do grupo dos equinodermos e está presente nas augas do noso litoral. Na explotación deste novo recurso participarán 7 embarcacións da confraría de pescadores de Cangas.

A Holothuria forskali é unha das 47 especies de holoturias que se coñecen en Galicia desde a zona litoral ata os 3.000 metros de profundidade. Captúrase e comercialízase en máis de 70 países de todo o mundo e é explotada pola pesca industrial, semi-industrial e artesanal nas rexións polares, temperadas e zonas tropicais. As holoturias comercialízanse evisceradas, fervidas, salgadas e secadas. Tamén é habitual o seu consumo en cru ou en diversas preparacións culinarias e o procesado dalgunhas das súas partes para a elaboración de produtos delicatessen.

Plan xeral de 2015

A través deste Plan Xeral de Explotación Marisqueira a Consellería do Medio Rural e do Mar aproba un total de 212 plans de explotación. Deles, 46 corresponden ás autorizacións administrativas marisqueiras, 52 son plans específicos para as zonas de libre marisqueo, 35 son para a extracción de percebe e 19 para equinodermos. Ademais 26 son para a extracción de solénidos (navalla, longueirón, longueirón vello), 7 son para a extracción de peneira, 19 para algas e 8 para a extracción de anemone.

As medidas de xestión para a explotación da centola, boi e do polbo, desenvolveranse no seu momento a través de plans de xestión específicos para estas pesqueiras. Do mesmo xeito, o uso do bou de vara e o bou de man para a extracción de moluscos bivalvos autorizarase a través dun plan de xestión para estas modalidades.

Crustáceos

En relación a outros crustáceos, o Plan establece que está permitido capturar nécora do 1 ao 5 de xaneiro e do 1 de xullo ao 31 de decembro. No caso do lumbrigante, o período autorizado de captura vai do 1 de xaneiro ao 31 de marzo e do 1 de xullo ao 31 de decembro.

No caso da lagosta, esta poderá extraerse entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro. En relación ao santiaguiño, o plan establece que se poderá capturar do 1 ao 5 de xaneiro (novidade respecto ao ano anterior no que neste período non estaba permitido) e do 1 de outubro ao 31 de decembro. Ademais especifica que o conguito, o patulate e o cangrexo se poderán extraer durante todo o ano.

Poliquetos

En canto aos poliquetos -vermes mariños para cebo no litoral de Galicia- cabe destacar que no Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o ano 2015 mantense que as entidades asociativas do sector poden contemplar dentro do ámbito dos plans de explotación marisqueira zonas para que os titulares de licencias de pesca marítima de recreo en superficie poidan capturar un máximo de 50 poliquetos/día, sen interferir coa actividade extractiva. As zonas reservadas polas entidades asociativas do sector para este fin publicaranse na páxina web da Consellería.

Neste eido cabe lembrar que a normativa que regula a extracción de poliquetos para cebo no litoral de Galicia non permite que as persoas titulares de licencias de pesca de recreo poidan extraer poliquetos en zonas nas que existan plans de explotación para outros recursos.