Cultura e Educación clausura en Celanova a ampla programación promovida pola Xunta para conmemorar as Letras Galegas 2014

image_gallery (1)

 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria clausurou esta tarde no concello ourensán de Celanova a ampla programación posta en marcha pola Xunta de Galicia arredor do poeta e tradutor Xosé María Díaz Castro, o autor guitiricense ao que a Real Academia Galega (RAG) lle dedicou as Letras Galegas 2014. A clausura oficial da mostra ‘Nimbos de luz’ –que o 31 de decembro finaliza no concello ourensán a itinerancia que a levou por case unha vintena de localidades galegas para amosarlle á cidadanía a figura, a vida e a obra do autor guitiricense– serviulles de colofón ás numerosas iniciativas promovidas e apoiadas pola Consellería, a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, para lle render tributo a Díaz Castro.

Nun acto que se celebrou no Auditorio Municipal Ilduara, e no que participaron os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente; o rexedor celanovés, José Luis Ferro; e mais os tres comisarios da mostra e biógrafos do autor homenaxeado, Luís G. Tosar, Alfonso Blanco e Armando Requeixo, ‘Nimbos de luz’ despediu a súa itinerancia no marco do peche da programación dedicada a Xosé María Díaz Castro.

Rematada a itinerancia, os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística anunciaron o acordo entre a Consellería e o Concello de Guitiriz para que a Casa Habanera acolla de xeito permanente a exposición ‘Nimbos de luz’, que xa fora inaugurada neste espazo cultural da provincia lucense o pasado 19 de febreiro, coincidindo co centenario do nacemento do escritor.

También te podría gustar...