Máis de 1.700 títulos en formato electrónico a través de GaliciaLe para as bibliotecas públicas galegas

O conselleiro de Cultura na rolda de prensa de presentación

 

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, referiuse hoxe ao novo servizo en liña da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia GaliciaLe como “un fito na accesibilidade da cidadanía aos recursos culturais, de forma totalmente gratuíta”. De feito, este programa suporá, xa de inicio, poñer ao dispor das usuarias e dos usuarios das bibliotecas públicas galegas un nutrido catálogo de libros e audiolibros en galego e en castelán, cun total de 1.710 títulos, 11.100 licenzas e a posibilidade de realizar 277.200 descargas durante as 24 horas do día os 365 días do ano.

“Ademais, temos previsto que, en breve, esta colección se vexa ampliada con novas obras e licenzas, así como con álbums ilustrados e un libro interactivo, o cal suporá unha novidade importante, xa que se trata dunha oferta de contidos dixitais en galego para os máis pequenos pioneira en España”.

Durante a rolda de prensa de presentación, o titular do departamento de Cultura e Educación explicou que esta novo espazo virtual para o préstamo de libro electrónico, accesible en www.galiciale.es, responde ás necesidades dos usuarios e usuarias e pon ao seu dispor nas bibliotecas públicas un produto que, de feito, xa é unha realidade en moitos casos no seu consumo. “Deste xeito, avanzamos no cumprimento dun dos principios e valores de actuación aplicables en materia de bibliotecas recollidos na Lei de bibliotecas, a adaptación ao ámbito dixital e multimedia e a prestación dos servizos tanto de modo presencial como mediante procedementos telemáticos”.