Feira do Viño de Quiroga: suspendida a parte máis multitudinaria

Foto de arquivo

 

Seguindo os consellos do Comité de Expertos de Galicia o Concello de Quiroga non celebrará esta fin de semana a Feira do Viño. Agardouse practicamente ata o último minuto para saber a situación sanitaria antes de tomar unha decisión. Mantivéronse xuntanzas coa Confraría do Viño, co Comité Organizador, coa Xunta de Seguridade Local (na que estivo presente a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez) e cos hostaleiros da vila antes de cancelar  a parte de maior concentración de xente. Todos eles estiveron de acordo en non levar a cabo a parte da feira que concentra maior número de persoas: as casetas de venda de viño e o pregón. Obviamente tamén se cancela o concurso de camisetas por ir aparellado a estas dúas actividades.

O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, que informou persoalmente aos portavoces da oposición, confirmou que “a decisión tomouse pensando na hostalaría, e aínda que o municipio quirogués atópase cunha incidencia moi baixa en canto ao número de casos positivos de Covid (incidencia acumulada nos últimos sete días >10), quérese evitar que a feira poida ser un foco de contaminación, proliferación ou diseminación da pandemia”.

Aproveitando a celebración  da Xunta de Seguridade Local na mañá de onte, informouse xa da posibilidade de suspender a feira, non obstante, a  Subdelegación do Goberno e o Concello acordaron igualmente reforzar a seguridade esta fin de semana, en previsión de que puideran producirse aglomeracións de persoas, vixiando que se cumpran as normativas decididas polas autoridades sanitarias.

O que si se manterá é a parte máis cultural da feira. O  concerto da banda de música Santádega, o espectáculo de animación infantil “Ramona Órbita, a dona do tempo” a cargo do grupo Pakolas e as actuacións de Festicultores Troupe e da Charanga Louband completarán un programa de actos de dous días  marcado por unhas condicións sanitarias e unhas normas de obrigado cumprimento.     

A exposición das botellas dos caldos que acudiron á maioría das feiras do viño, acompañadas dos carteis anunciadores, que se presentaba na pasada Semana Santa como lembranza da data na que se tiña que celebrar a feira servindo de homenaxe aos adegueiros que pasaron polas feiras do viño de Quiroga, poderá verse novamente na entrada do Auditorio Municipal.

También te podría gustar...