image_gallery (6)A prestixiosa formación de música antiga La Morra abrirá o vindeiro domingo 13 de setembro a oitava edición de “Espazos Sonoros”, o ciclo promovido pola Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a descuberta e posta en valor do patrimonio histórico a través de concertos e dunha completa programación de actividades, entre as que se inclúen obradoiros de música antiga, faladoiros e visitas guiadas.

A igrexa gótica de San Nicolao de Cis, no concello coruñés de Oza-Cesuras, acollerá, a partir das 20:00 horas, o concerto inaugural deste ciclo, no que o conxunto integrado por Corina Marti (‘clavisimbalum’ e ‘organetto’), Michal Gondko (laúde) e Vivabiancaluna Biffi (canto e fídula) interpretará un programa sobre as músicas de Francesco Landini, un dos compositores italianos de maior sona do chamado trecento.

Recuperación dunha gravación insólita
Recoñecidos grupos a artistas internacionais, como La Morra ou o cantante estadounidense Joel Frederiksen –que ofrecerá un recital de músicas barrocas e renacentistas na igrexa de Santa Liberata, en Baiona, o 18 de outubro– comparten cartel en “Espazos Sonoros” cunha mostra do mellor talento artístico galego. É o caso de Óscar Ibáñez trío, que fará gozar o público cun concerto baseado no gaiteiro de Campañó, Xan Tilve, e na gaita histórica que del se conserva no Museo de Pontevedra.

Ademais de reivindicar a figura deste músico, o concerto, que lle porá o punto final ao festival o 28 de outubro en Pontevedra, ás 20:00 horas, terá como protagonista a Xosé Filgueira Valverde, homenaxeado coas Letras Galegas 2015, que nos anos 40 promoveu unha gravación documental insólita e de gran valor etnomusicolóxico: a marcha do Corpus tocada polo gaiteiro de Campañó e comentada ao vivo por el mesmo, que foi recuperada recentemente por aCentral Folque cun estudo editado nun libro-disco sobre o gaiteiro de Campañó e a contribución de Filgueira á súa documentación sonora.

Cancións populares a través da música clásica
A formación galega Herbens Consort, especialista en interpretación de repertorios barrocos, actuará o domingo 11 de outubro, ás 19:00 horas, na igrexa de Santa María de Aciveiros, en Forcarei, mentres que o Quinteto Egeria, formado por intérpretes da Real Filharmonía de Galicia e do claustro de profesores do Conservatorio de Santiago, ofrecerá un repertorio de músicas populares e tradicionais adaptadas á linguaxe da música clásica.

A música tradicional tamén estará presente da man de Óscar Fernández e Carlos Quintá. O dúo de zanfona e acordeón diatónico deleitará o público cun concerto, o 24 de outubro, ás 19:00 horas, que xirará arredor dunha zanfona histórica que formou parte da colección particular da familia Massó e que se conserva no Museo Massó de Bueu. Na súa actuación reinterpretarán músicas tradicionais, nomeadamente do cancioneiro instrumental galego, a través dun repertorio de muiñeiras, xotas, valses, mazurcas, polcas e foxtrots, e cancións tradicionais mariñeiras.