Os xulgados de preferentes funcionarán ata finais de ano para acabar de resolver todos os procedementos en marcha
A Xunta prorroga o traballo dos xulgados exclusivos de preferentes de Vigo e A Coruña ata finais de ano para que poidan acabar de resolver os procedementos en marcha. Así o anunciou onte á mañá o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, nunha visita ao xulgado olívico, na que estivo acompañado da delegada da Xunta, María José Bravo Bosch, e o xuíz decano, Germán Serrano.
Segundo lembrou Martín, o pasado 9 de xuño a Comisión Mixta entre Xunta e Tribunal Superior de Xustiza de Galicia xa acordara que a data límite para o ingreso de novos asuntos sería o 30 de xuño e que os xulgados bis continuarían a traballar tres meses máis. A piques de cumprirse o prazo decidiuse prorrogalo ata finais do ano para acabar de resolver os procedementos en marcha.
Ademais desta ampliación do prazo, o responsable de Xustiza da Xunta tamén anunciou que se reforzará cun funcionario o servizo de rexistro, pola novidade que agora todos os escritos dirixidos aos xulgados, de calquera das xurisdicións, se rexistran de xeito telemático nun único punto: o Servizo de Rexistro e Reparto, dependente do Decanato.
Máis de 4.00 asuntos relacionados coas preferentes
Actualmente hai rexistrados un total de 4.444 asuntos, dos cales xa están rematados 4.031 e só quedan pendentes 413. É dicir, o 91 por cento dos asuntos que ingresaron nestes xulgados de preferentes xa están resoltos, ben a través de sentencias, ben por acordo das partes ou por outros motivos.
Os xulgados exclusivos en materia de preferentes e débeda subordinada de Vigo e A Coruña entraron en funcionamento o 2 de setembro de 2013 e dende entón rexistraron máis de 4.400 asuntos, permitindo axilizar os procedementos.
A súa posta en marcha supuxo un importante investimento -máis de 650.000 euros- en mobiliario e infraestrutura, así como en reforzo de persoal. Trátase dunha máis das medidas habilitadas para apoiar aos afectados por preferentes, coma a posibilidade de presentación telemática das demandas.