almorzo e recreos saudables, Mende

No CIP José García García de Mende arrancou esta mañá a cuarta edición do programa Nunca sen almorzo que forma parte das actividades de promoción da saúde que organiza en Ourense a Consellería de Sanidade e  que se oferta aos centros escolares. A xefatura territorial de Sanidade vén de introducir este curso novidades neste programa e inclúe unha actividade a desenvolver ao longo do recreo, co fin de lograr concienciar ao alumnado da importancia que ten a combinación dunha alimentación saudable coa práctica regular de exercicio físico para lograr o benestar e combater a obesidade infantil.

Así, baixo o título de “Nunca sen almorzo…e sempre recreos saudables” desenvolverase este programa que ademais do obxectivo de subliñar a importancia que ten o hábito de realizar un almorzo axeitado para a prevención da obesidade, engadirá a necesidade de que os escolares consuman alimentos saudables durante o recreo e tamén aproveiten este tempo para participar nalgunha actividade deportiva ou xogo físico.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado pola xefa territorial de Sanidade, María Villar , acudiu ao comezo desta actividade e animou aos alumnos que ten este centro a levar hábitos de vida axeitados, especialmente no referente á alimentación, na procura de axudar a xerar costumes e actitudes saudables que contribúan ao seu crecemento. Martínez díxolles que “é moi importante que fagades 5 comidas ao día e que sempre sexan saudables. No recreo tedes que cambiar as lambetadas por algún produto lácteo ou froita”.

Almorzo e recreo saudable

 

A actividade inclúe unha charla teórica dirixida ao alumnado e durante o recreo o consumo  dalgún alimento saudable e a organización de xogos físicos ou competicións deportiva. Os máis pequenos elaborarán unha pirámide da alimentación.

En total, en Ourense preto de 1.600 alumnos de 23 colexios da provincia, con idades comprendidas entre os 3 e os 11 anos, participarán neste programa que se prolongará ata o mes de abril.

A Consellería de Sanidade ten en marcha dende o ano pasado o plan galego de prevención da obesidade infantil, Xermola, que pretende reducir a prevalenza de sobrepeso e obesidade que presentan os nosos escolares. Os últimos datos, de outono de 2013, apuntan a que case o 35% dos escolares galegos de educación primaria presenta sobrepeso ou obesidade.

Outros estudos confirman algúns dos factores determinantes do exceso de peso na poboación infantil. A ausencia do hábito de almorzo e o ocio pasivo semellan estar asociados coa presenza de sobrepeso ou obesidade. Neste sentido, a Consellería de Sanidade realizou unha enquisa o pasado mes de outubro na que o 30% das rapazas, con idades comprendidas entre os 6 e os 15 anos, indicaron que non realizaban ningunha actividade física fóra do centro escolar.