Uruguai

 

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, organizou hoxe unha xornada de promoción directa na capital de Uruguai, Montevideo, dentro dunha acción de promoción nos mercados emerxentes de América do Sur, ao obxecto de promocionar a oferta turística galega entre os operadores turísticos máis salientables.

Nesta misión, organizada por Turismo de Galicia e Turespaña, hoxe desenvolveuse na Embaixada de España en Montevideo unha xuntanza de traballo cos operadores turísticos máis importantes de Uruguai.

Deste xeito, acudiron á cita con Turismo de Galicia unha trintena de axentes turísticos uruguaios que puideron achegarse de preto á oferta galega nunha presentación realizada por persoal da Dirección de Promoción de Turismo de Galicia.

Programa da misión
O programa comezou cun almorzo con xornalistas especializados en Turismo e viaxes en Montevideo, ao que lle seguiu a xuntanza de traballo cos principais operadores turísticos do Uruguai na Embaixada de España.

Por outra parte, o día 14 de novembro celebrarase un encontro de traballo cos operadores turísticos chilenos no Club de Golf 50 da capital chilena.

Mercados emerxentes
Con esta xira promocional, Turismo de Galicia mantén a súa aposta este ano pola difusión da oferta turística galega nos mercados emerxentes máis interesantes do panorama internacional.

Así, ao longo deste ano, Galicia xa participou en distintas actividades relacionadas coa promoción turística e cultural da Comunidade galega nos países do leste de Europa, como Rusia e Uzbequistán, ademais de programar unha exposición fotográfica sobre Galicia nas sedes do Instituto Cervantes en Varsovia, Cracovia e Bialystok, en Polonia.

Ademais, Turismo de Galicia participou en varias feiras turísticas en Brasil e outras accións de promoción organizadas coa colaboración da Embaixada de España en Brasil e Turespaña.