image_galleryA Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá arredor duns 344.000 euros na restauración e consolidación de cinco pontes históricas nas provincias de Ourense e Pontevedra. As obras, que están sufragadas na súa totalidade polo departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad, acometeranse ao longo de 2015.

Así o avanzou o conselleiro Vázquez Abad logo de firmar hoxe os respectivos acordos de colaboración cos alcaldes de Avión, Antonio Montero; do Barco de Valdeorras, Alfredo García; de Vilamartín de Valdeorras, María Jesús Candal; de Salvaterra de Miño, Arturo Grandal; de Vila de Cruces, Jesús Otero; e de Silleda, Manuel Cuíña, para levar a cabo estas obras.

Deste xeito, a Consellería, a través da Dirección Xeral de Patrimonio, iniciará o proceso para a salvagarda e conservación da Ponte de Couso (Avión), da Ponte Éntoma e o seu contorno (Barco de Valdeorras), da Ponte da Portela (Vilamartín de Valdeorras), na Ponte de Fillaboa (Salvaterra de Miño), e na Ponte do Demo (Vila de Cruces – Silleda). Todas estas intervencións enmárcase dentro das actuacións sobre o patrimonio cultural que forma parte da obra civil de Galicia previsto para o vindeiro 2015.