«A todo Risco», de Avelino González, en Monforte

  • O Concello de Monforte programa unha nova peza de teatro neste mes de novembro, en concreto mañá xoves día 25 na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte a partir das 20.15 horas
  • Esta obra chega froito da colaboración entre o Concello de Monforte e a Fundación Vicente Risco, sendo a súa entrada gratuíta ata completar aforo. A entrega de entradas farase dende unha hora antes da actuación, ás 19:15 h, e a entrada ó salón de actos realizarase ás 20:00 h. É unha obra recomendada para todos os públicos
  • Todas as obras que se celebran neste ciclo de teatro contan cun protocolo específico de seguridade e hixiene ante o Covid-19

 

A programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios continua en Monforte de Lemos mañá xoves 25 de novembro ás 20:15 horas no na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte coa posta en escena da quinta obra correspondente a este ciclo, A todo Risco a cargo de Avelino González.

O Concello de Monforte xunto coa Fundación Vicente Risco colaboran para que este actor, contador de historias, tradutor, autor e director de escena represente esta obra na Casa da Cultura de Monforte, que está dirixida a todos os públicos.

Avelino González ten na súa traxectoria profesional premios como:

  • Premio Max ó mellor autor en galego
  • Premios María Casares ó mellor texto orixinal
  • Premio María Casares ó mellor texto traducido
  • Premio Compostela ó mellor espectáculo
  • Premio do Público de Alicante e Premio Compostela mellor actor secundario (compartido) por distintos espectáculos.

 

A entrada é gratuíta, a capacidade do salón de actos a determinará a normativa sanitaria que estea operativa no momento da realización do espectáculo.

A entrega de entradas farase dende unha hora antes da actuación, ás 19:15 h, e a entrada ó salón de actos realizarase ás 20:00 h.

 

Sinopse

A todo Risco é un espectáculo no que se percorre a vida e obra de Vicente Risco, un dos persoeiros centrais da Xeración Nós e director literario da revista Nós.

Está dirixida a todos os públicos e pretende, dunha forma amena e audaz, facer chegar este episodio, un dos máis fértiles e construtivos da nosa historia, a toda a xente, para coñecemento e orgullo do noso pasado como mellor forma de mirar cara ao futuro.

Falar de Risco non é só falar de Risco, nin sequera falar só da Xeración Nós, é tamén falar de nós: de vostede e de ti. Dos soños que nos ilusionan e dos prexuízos que nos pechan o mundo. A Xeración Nós era xente coma nós: soñadora e tamén medorenta. Combateron o medo coa ilusión que lles deu o coñecemento, combateron a desilusión coa curiosidade. E Vicente Risco foi unha persoa moi curiosa (en todos os sentidos da palabra), coma nós.

«A todo Risco» fala de todo isto e, a pesar dos tempos, danos ferramentas para combater os prexuízos e motivos para manter a ilusión.

 

A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, será Insubmisión da compañía Teatro del Andamio que terá lugar o xoves 2 de decembro no Edificio Multiusos ás 20:15 h, sendo o prezo da entrada xeral de cinco euros e de tres euros para estudantes, desempregados e xubilados.