IX Semana Escolar da Provincia

  • Preto de 7.000 estudantes e docentes da provincia de Ourense participan
  • Escolares e profesores pertencentes a 46 centros educativos desenvolven un programa de actividades que este ano está centrado no patrimonio histórico ourensán
Visita de Cesar Fernández Gil (VicePresidente da Deputación Ourense) ó Colexio Divina Pastora de Ourense acompañado de Javier Padrón Domínguez (Director do Colexio), Diego Lago Sánchez (Coordinador da campaña) e Gonzalo Sánchez Busóns (Mestre do colexio).

 

Preto de 7.000 alumnos e profesores de Educación Secundaria de 46 centros educativos participan na 9ª Semana Escolar da Provincia, organizada pola Deputación de Ourense e que este ano está centrada no patrimonio histórico ourensán. Con este motivo, o vicepresidente da Deputación César Fernández e o coordinador da campaña, Diego Lago, visitaron hoxe o colexio Divina Pastora de Ourense mantendo un encontro con alumnos de primeiro da ESO. 

César Fernández destacou o éxito de inscrición nunha iniciativa que “desde o curso 2013-2014 promove entre os escolares ourensáns o coñecemento sobre distintos aspectos que non están suxeitos ao currículo escolar, pero que son complementarios do mesmo”. Nesta novena edición, engadiu, “estamos a dotar á comunidade docente dunha ferramenta eficaz e coñecementos útiles para que se involucre activamente na riqueza patrimonial de Ourense”, subliñando que os materiais entregados ao alumnado foron deseñados “coa vocación de que non só teñan vixencia no propio centro educativo, senón tamén no ámbito familiar”. 

 

Para desenvolver os obxectivos desta semana escolar a Deputación de Ourense editou un libro escrito por Xosé Antonio Perozo e titulado O patrimonio histórico da provincia. Un caderno de viaxe no que Aurea, unha rapaza que xa protagonizou outras aventuras en publicacións anteriores, vai percorrendo a provincia para amosar a súa monumentalidade seguindo unha liña histórica e estilística, deténdose no valor patrimonial dos espazos e a súa importancia cultural. Un percorrido histórico enriquecido con rutas polo patrimonio natural e termal de Ourense. 

Xunto cun programa de propostas de traballo e actividades, os máis de 500 docentes que participan nesta Semana Escolar contan cunha guía do profesorado que inclúe pautas para utilizar o libro que recibiron os alumnos.