A sede do Cervantes en Madrid aposta polo fotógrafo galego José Suárez

  • Cultura e Educación anuncia que a sede do Cervantes en Madrid aposta polo fotógrafo galego José Suárez para a súa exposición central na temporada de verán
  • A exposición ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’ péchase ao público no Museo Centro Gaiás despois de recibir preto de 16.000 visitantes
  • A mostra, dentro do seu programa de itinerancias para dar a coñecer ao fotógrafo de Allariz fóra de Galicia, será inaugurada na sede do Cervantes en Madrid o 31 de maio e estará aberta ata o 18 de setembro
  • A exposición das fotografías de José Suárez en Madrid coincidirá no tempo con outra mostra dedicada a un galego ilustre: a exposición sobre Camilo José Cela que acollerá a Biblioteca Nacional

jose_suarez_uns_ollos_vivos_pensanportada2

 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anuncia que a exposición ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’, que se pechou ao público o domingo na Cidade da Cultura, partirá a Madrid para ser acollida polo Instituto Cervantes, que aposta polo fotógrafo galego para a súa exposición principal no seu emblemático edificio da Calle Alcalá na temporada de verán.

image_gallery‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’ será inaugurada en Madrid o 31 de maio e permanecerá aberta ata o 18 de setembro, período no que coincidirá na capital con outra exposición dedicada a un galego ilustre: a mostra que a Biblioteca Nacional organiza con motivo do centenario do nacemento de Camilo José Cela. Co título ‘CJC 2016. El centenario de un Nobel’, a exposición estará aberta do 23 de xuño ao 25 de setembro. Posteriormente, viaxará ao Museo Centro Gaiás, onde será inaugurada o 18 de novembro.

A itinerancia da exposición de José Suárez a Madrid, a súa localización nunha institución tan prestixiosa como é o Cervantes, en concreto na súa sede no corazón da capital, xunto ao feito de ser programada durante a temporada de máxima afluencia turística, supón un logro importante no obxectivo de dar a coñecer a obra do fotógrafo de Allariz fóra de Galicia. O edificio que acollerá esta exposición, que foi primeiro sede do Banco Español del Río de la Plata e despois do Banco Central, foi obra do arquitecto galego Antonio Palacios.

A Cidade da Cultura completará o programa de itinerancias levando en outono a mostra de José Suárez a Bos Aires (Arxentina), cidade clave na biografía do fotógrafo galego, onde desenvolveu parte do seu traballo despois de fuxir de España tras o estalido da Guerra Civil.

Éxito de visitantes
As fotografías de José Suárez deixan o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura despois de ser visitada por 15.787 persoas desde a súa inauguración o 13 de novembro. Só durante esta última Semana Santa, a mostra recibiu 2.500 visitantes, converténdose nunha das referencias culturais de Galicia durante o pasado inverno.

Con esta exposición, comisariada por Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal, a Cidade da Cultura ten contribuido a situar a José Suárez –un dos fotógrafos máis relevantes da España do século XX- no lugar que lle corresponde, despois duns anos nos que se tivo convertido nun ‘fotógrafo traspapelado’, en palabras do crítico Juan Manuel Bonet. Nunha época na que predominaban os fotógrafos por encarga e unha visión costumista da sociedade galega, Suárez revélase como un artista consciente da súa autoría. A súa obra reflexa unha gran preocupación humanista, incorporando novidades formais propias dos movementos de vangarda europeos como a Nova Visión ou a Nova Obxectividade.

A exposición ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’, a máis ambiciosa das realizadas ata o momento sobre o fotógrafo, reúne as súas imaxes más coñecidas, como as da serie Mariñeiros ou o famoso retrato de Unamuno, pero tamén as tomadas durante as súas viaxes a Xapón, ou das últimas que realizou na súa vida como a de ‘A Mancha’ (1965).
 

También te podría gustar...