Primeira reunión de traballo para a misión comercial certificada USA-Ourense

  • Rosendo Fernández, a secretaria xeral da Cámara de Comercio, Victoria Rois; o secretario xeral da CEO, Jaime Pereira, e empresarios ourensáns reuníronse hoxe co responsable da coordinación da misión comercial, Jorge Brown

0 0 RF misin comercial EEUU

 

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, xunto coa secretaria xeral da Cámara de Comercio, Victoria Rois; e o secretario xeral da CEO, Jaime Pereira, déronlle a benvida a empresarios e empresarias de Ourense que participarán na misión empresarial certificada de Estados Unidos en Ourense. As empresas presentes nesta primeira reunión de traballo, as cales xa amosaron a súa disposición de participar con propostas de liñas de negocio concretas, foron: Aceites Abril, Cogesa, Estación de Esquí Manzaneda, Grupo Cuevas, Caldaria, UNVI Rumbao, Ataúdes Gallego, Adega Cachín, ControlP, Gestoría Marcelino, Quesos Feijoo, Cañas de Maside, Grupo Revi e Hispamoldes.

Rosendo Fernández destacou a importancia desta primeira misión comercial cos Estados Unidos na que «o mundo empresarial ourensán ten a oportunidade de atopar novas canles comerciais e de mercado con esta iniciativa que impulsa a Deputación de Ourense».

A Deputación de Ourense xunto coa Fundación Advanced Leadership, unha organización sen ánimo de lucro situada en Washington DC, servirán de «ponte» para establecer estas relacións comerciais entre Ourense e EE.UU., tal e como explicou na reunión o responsable da coordinación desta misión comercial, Jorge Brown, «trátase de cubrir necesidades e oportunidades en Estados Unidos e en Ourense, por iso se irán mantendo reunións de maneira individual con cada un dos representantes das empresas ourensáns participantes, para coñecer polo miúdo os intereses particulares de cada un deles».

Esta misión comercial que terá lugar os días 14 e 16 de xuño, traerá a empresas estadounidenses ata Ourense para «coñecer as bondades e as vantaxes de inverter en Ourense directamente ou empresas ourensás interesadas en exportar a EE.UU.», sinalou Jorge Brown.

Esta novidosa acción de relacións institucionais no ámbito comercial entre Ourense e USA é a primeira vez que se produce en Galicia, xa que, por primeira vez, o Goberno de Estados Unidos certifica e avala unha misión comercial destas características. Os únicos referentes de misións comerciais de Estados Unidos en España producíronse ata o momento en Madrid e Barcelona.

También te podría gustar...