García Berrios

 

O profesor da USC e a doutoranda Ángeles Camino abordaron o tema do viño en Galicia no marco do ciclo divulgativo ‘A conservación do medio natural, tarefa común’.

O profesor do Departamento de Produción Vexetal na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC, Julián García Berrios, afirmou este venres no Barco de Valdeorras que “a produción vitivinícola de Galicia é en si un universo”.

“En Galicia podemos encontrar un compendio das posibles viticulturas e viños que nun espazo tan reducido abarcan unha variedade moi grande de opcións, e en todas podemos apreciar sempre autenticidade, novidade e calidade”, explicou este profesor da Universidade de Santiago.

A pesar desta riqueza, García Berrios salientou que a viticultura de Galicia “enfróntase tamén a unha serie de retos derivados dos cambios na situación do consumo de viño no eido mundial”. Aínda así, “de aproveitarmos as grandes potencialidades que temos, non só non manteremos a posición actual, senón que nos proxectaremos de cara ao futuro dun xeito relevante se nos baseamos na calidade”, dixo.

Julián García Berrios, acompañado por Mª Ángeles Camino Saco, doutoranda no departamento de Produción Vexetal, na Escola Politécnica Superior da USC, ambos moderados pola xornalista Almudena Martín Rodríguez, trataron no Barco de Valdeorras o tema Viños e produción vitivinícola en dúas sesións, unha matinal para os estudantes do IES Lauro Olmo, e outra vespertina, aberta ao público en xeral, desenvolvida no Edificio Multiúsos desta localidade ourensá.

 

141003Jberrios

 

Os dous investigadores deixaron constancia de que na viticultura actual cómpre aproveitar o enorme potencial das cepas e dos contornos produtivos únicos, “que nos van diferenciar do resto da produción”, precisaron. Nun mundo onde os cambios nos hábitos de consumo e mais a reorganización comercial por mor da globalización, por un lado, e dos cambios a nivel climático, por outro, van supor un reto, os dous investigadores da USC apostan por “aproveitar o legado ancestral dos nosos antepasados e aplicar as novas tecnoloxías e o coñecemento científico” para acadar unha adaptación de éxito á nova situación, polo que consideran estes dous aspectos indispensables nesta complexa evolución da situación produtiva actual.

Na xornada Viños e produción vitivinícola tamén se trataron os profundos cambios que ao longo da historia afectaron tanto ás formas de cultivo como aos usos e ás relacións socioculturais e económicas arredor desta actividade primordial dentro do conxunto da agricultura. Neste eido, o profesor García Berrios sinalou que “esta viticultura estivo sempre relacionada coa actividade vinícola, o que implica unha evolución acorde cos cambios á que o consumo de viño se ve sometido”.

O profesor García Berrios destacou ademais que “os cambios neste sector son tan importantes e dinámicos que cómpre unha actualización constante para non perdermos o tren e sermos capaces de darlle saída á produción dun xeito vantaxoso”.

A cita do Barco de Valdeorras é a cuarta que se celebra dentro das xornadas divulgativas A conservación do medio natural, tarefa común, organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela e patrocinadas por Turismo de Galicia, a través do programa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela, que se están a celebrar en 20 concellos vinculados ao Camiño de Santiago. O próximo encontro será en Redondela, o 8 de outubro, e versará sobre o tema Dieta atlántica, na alimentación para todas as idades.