A Casa de Galicia acolleu a reunión da Comisión de Patrimonio e Cidade do grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España

Reunión da Comisión de Patrimonio e Cidade do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España

 

O pasado martes celebrouse na sede da Casa de Galicia en Madrid a reunión da Comisión de Patrimonio e Cidade do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, a cuxos membros deu a benvida o delegado da Xunta da Galicia en Madrid, José Ramón Ónega. A reunión estivo presidida por Miguel Ángel Nieto, alcalde de Ávila e presidente desta Comisión.

Ademais de coa do presidente, a reunión contou coa asistencia dos dous coordinadores da Comisión: Carmen Crespo, concelleira de Patrimonio do Concello de Tarragona, e Beatriz Jiménez, concelleira de Patrimonio do Concello de Ávila, e en representación dos seus concellos, da presenza dos concelleiros de Alcalá de Henares, Jesús Domínguez; Baeza, Dolores Marín; Cáceres, María Eugenia García; de Córdoba, Rafael Jaén; de Cuenca, Nieves Mohorte; de Eivissa, Catalina Sansano; de Mérida, Ángel Pelayo Gordillo; de San Cristóbal de la Laguna, Julia Dorta; de Segovia, Claudia de Santos; de Toledo, Ana Isabel Fernández; e de Úbeda, Virginia Ruiz.

Na primeira parte da reunión fíxose balance dos programas da Comisión nas súas distintas áreas executados ao longo de 2014. Na segunda parte da reunión da Comisión concretáronse as novas liñas de traballo do último trimestre de 2014 e primeiro semestre de 2015, que xirarán en torno á pedagoxía e o patrimonio, cun proxecto pedagóxico e divulgativo, a seguridade en grandes eventos culturais nos espazos históricos, a organización de novos cursos formativos para os corpos de extinción de incendios e emerxencias, diversas, actuacións baseadas no concepto de Smart City-Smart Heritage nos que o Patrimonio Histórico sexa a base para xerar innovación e riqueza co apoio das novas tecnoloxías, dentro do marco global de «cidade intelixente» e, por último, a redacción dunha guía arqueolóxica dixital das 15 cidades.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España é unha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 1993 cuxo obxectivo é actuar de xeito conxunto na defensa e a promoción do patrimonio cultural das 15 cidades que o compoñen, cuxos cascos históricos foron recoñecidos pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

También te podría gustar...