A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, pon de exemplo na xuntanza en Cenlle ás familias acolledoras de nenos e nenas

Mato no Encontro anual de familias acolledoras. Foto: Xunta

Mato no Encontro anual de familias acolledoras. Foto: Xunta

 

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, puxo onte en valor o “exemplo de altruísmo” e o acto de solidariedade de “valor incalculable” que realizan as familias acolledoras cos nenos e nenas que atravesan unha situación temporal de afastamento dos seus pais.

Así o destacou durante a súa participación no Encontro anual de familias acolledoras que organiza Cruz Vermella, e que nesta ocasión tivo lugar no Balneario de Laias, no concello de Cenlle. O obxectivo destas xuntanzas é facilitar o intercambio de experiencias e o diálogo aberto, ademais do coñecemento mutuo entre as familias.

Mato valorou, ademais, que este tipo de iniciativas permiten tamén promover a sensibilización social neste eido, e concienciar a novas familias para que se unan a este programa.

A conselleira salientou o “firme compromiso” do Goberno galego cos acolledores e, moi especialmente cos menores que atravesan algunha dificultade. Proba deste compromiso, é que o departamento destina 3,4 millóns de euros a estes programas, que inclúen, entre outros, o orzamento destinado ás familias extensas acolledoras; e ás familias alleas, a través do convenio con Cruz Vermella.

Ao respecto, recordou que o programa de acollemento en familia allea, que se desenvolve en colaboración con Cruz Vermella desde o ano 1995, conta este ano de novo cunha achega de 300.000 euros. Grazas a el, case 200 nenos e nenas están cunha familia allea.

Con todo, cabe destacar que o número total de nenos e nenas en acollemento familiar chega actualmente aos 1.277, ao computar tamén aos que están en familia extensa. Isto quere dicir que o 65 por cento dos menores en situación de desamparo están cunha familia, fronte a un 35 por cento que se atopan en centros residenciais.

También te podría gustar...