A biblioteca de Sober novamente premiada

  • Recibe de novo un dos premios María Moliner de animación á lectura

 

A biblioteca pública de Sober acaba de ser galardoada cun dos premios María  Moliner de animación á lectura que conceden o Ministerio de Cultura e a Federación Española de Municipios e Provincias. O centro xa conseguira este galardón noutras seis ocasiones. A distinción foille outorgada por un programa denominado ‘Sober coa lectura’ que comprende actividades para nenos e adultos. O premio conleva unha subvención en metálico de 2.000 euros para a compra de libros e publicacións periódicas.

Os premios María  Moliner concédense ás bibliotecas que levan a cabo un proxecto único que inclúa accións de animación á lectura e valoran especialmente aspectos como a eficiencia no labor bibliotecario, a integración social na comunidade e o uso das novas tecnoloxías. A biblioteca de Sober foi a única da provincia, xunto coa de Xermade, que foron premiadas na edición deste ano.

 

As actividades de animación á lectura son programadas pola bibliotecaria Julia Fernández Garza e a animadora sociocultural  Dunia Rodríguez Vázquez. Entre estas actividades figuran o programa semanal  Merendas con  Contos, dedicado aos usuarios de idade escolar, e o club de lectura Pintor de  Castinande, para usuarios adultos, así como moitas outras actividades que se organizan ao longo do ano.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, asegura que esta nova distinción

é un recoñecemento ao traballo que se fai, e que non cesou durante a pandemia porque sempre cremos que o apoio á cultura é fundamental tamén en momentos complicados e xa desde as idades máis temperás.