• Música e tradición, na XXXI “Xuntanza Internacional de Gaiteiros”
  • Este evento declarado de Interese Turístico e Cultural celebrarase en dúas xornadas no Castelo de Monterrei e na Ponte Romana de Ourense
Manuel Doval, José Luis Suárez, Rosendo Fernández, Xosé Lois Foxo e Óscar Ibáñez

Manuel Doval, José Luis Suárez, Rosendo Fernández, Xosé Lois Foxo e Óscar Ibáñez

 

A XXXI edición da “Xuntanza Internacional de Gaiteiros”, declarada de Interese Turístico e Cultural, celebrarase en dúas xornadas, o día 11 de xuño no Castelo de Monterrei e o 24 de xullo na Ponte Romana de Ourense. A presentación desta tradicional festa tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial na que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o director da Escola Provincial de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo; o alcalde do Concello de Monterrei, José Luis Suárez; e o gaiteiro, Óscar Ibáñez.

Rosendo Fernández destacou “o labor e a sensibilidade de recompilación de cada Xuntanza feita por Foxo e o seu equipo, porque os pobos teñen que recoñecer a súa historia, porque recoñecéndoa a saben e só así se labra o futuro”. Asemade neste evento serán “homenaxeadas dúas persoas vencelladas co mundo da gaita: en Monterrei, á cantareira Julia Bailón Fernández, e na Ponte Romana o gaiteiro coruñés Pepe Temprano”, sinalou o vicepresidente da Deputación de Ourense.

Ademais da Xuntanza presentouse un DVD cun vídeo resumo dos 30 anos de historia desta celebración que, como dixo Xosé Lois Foxo, “marca historia”, destacando asemade a presentación dun DVD de cada edición, “porque sempre fomos sensibles a nosa tradición, e por iso homenaxeamos durante a Xuntanza a unha cantareira e a un gaiteiro”, explicou Foxo.

O programa desta XXXI edición conta con actuacións de artistas de Irlanda, Alemaña, Bélxica, Asturias, Francia, Grecia, Portugal, Holanda, Cantabria e de distintos lugares de Galicia.

O alcalde de Monterrei subliñou que este ano, ademais dos artistas nacionais e internacionais, “actuarán dúas bandas de gaitas do noso Concello, a de Medeiros e a de Flariz, homenaxearemos a unha cantareira do noso municipio, e Elpidio Justo, un gaiteiro emigrante de Medeiros, de 84 anos, recibirá un merecido recoñecemento pola defensa que fixo da gaita ao longo da súa”, explicou José Luis Suárez.

Manuel Doval destacou a importancia da gaita na nosa tradición cultural afirmando que “falar do mundo da cornamusa é falar da identidade da nosa provincia e da nosa terra, pois cando soa unha gaita aí está presente Ourense e Galicia, sobre todo durante os últimos anos co traballo da Escola de Gaitas “, e remarcou o labor do mestre Foxo, “quen foi capaz de crear escola porque leva no corazón a gaita e o que este instrumento representa.

Finalmente, Óscar Ibáñez dixo que a Xuntanza “permite a convivencia de gaiteiros de todo o mundo porque a gaita é un instrumento universal, o que máis nos une entre as diferentes culturas”. O acto de presentación rematou coas actuacións de Óscar Ibáñez, quen interpretou unha peza cunha gaita de 160 anos, e das Cantareiras da Real Banda.