XXIV Filandón de Músicas do Caurel

  • O Concello e a Escola de Gaitas organizan o XXIV Filandón de Músicas do Caurel mañá día 8 de agosto
  • A edición deste ano está dedicada á memoria de José Rodríguez Núñez, gaiteiro de Pacios de Trala Serra
  • Cantores, cantareiras, brindeiros, coplas de cego, gaiteiros, orquestras e a actuación especial de Carmen Pením, que presentará ‘Cantos de terra e sal’ completan un programa no que tamén se fará entrega da ‘Tésera de Hospitalidá’ a Alejandro Rubín

 

A alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, o director da Escola de Gaitas do Caurel, Xosé Lois Foxo, e o xefe territorial de Presidencia, Xustiza e Turismo da Delegación da Xunta en Lugo, Gerardo Criado, deron a coñecer o programa do XXIV Filandón de Músicas do Caurel, declarado de interese turístico e cultural, que se vai celebrar na Ferrería de Seoane.

A edición deste ano está dedicada á memoria de José Rodríguez Núñez, gaiteiro de Pacios de Trala Serra, falecido recentemente.

O Filandón de Músicas do Courel nace como un foro para a posta en valor do patrimonio lírico e musical conservado e transmitido polas vellas xeracións. Os cantares antigos, rondas da serra, músicos e poetas danse cita nunha xornada histórica.

Hoxe mesmo ás 17:00 horas e 18:00 horas terán lugar sendas ofrendas florais, ante os respectivos monumentos: en Santa Eufemia á Elvira Touzón Quiroga (avoa do Filandón) e en Ferreirós de Arriba a Ilda Ávarez Macía (madriña do Filandón). De ambas se publicáronse no seu día senllos audiovisuais. Hai que destacar a súa extraordinaria contribución ás publicacións de Músicas do Caurel.

O xefe territorial de Presidencia, Xustiza e Turismo da Delegación da Xunta en Lugo, Gerardo Criado, sinalou que “este Filandón é unha clara referencia na posta en valor do noso patrimonio lírico e musical, pero tamén un foro para os artesáns destes instrumentos populares, para promocionar os produtos da zona e sobre todo, para ser referente da historia das músicas do Courel”. Por iso, explicou, “a Xunta de Galicia tiña que estar un ano máis ao carón desta destacada iniciativa, que nesta edición conta con axudas de Turismo de Galicia e tamén coa colaboración da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, e da Fundación Publica Artesanía de Galicia”.

Control de aforo

O día 8 a partir das 18:30 horas celebrarase o filandón, presentado por Manola Porto e Brenda González e retransmitido por streaming pola canle XoseLoisFoxoLIVE.

Haberá control de aforo para cumprir coas normas sanitarias en vigor.

 
Programa

Cantores, cantareiras, brindeiros, coplas de cego, gaiteiros, orquestras e a actuación especial de Carmen Pením, que presentará ‘Cantos de terra e sal’ completan un programa no que tamén se fará entrega da ‘Tésera de Hospitalidá’ a Alejandro Rubín.

A celebración completarase coa exposición de libros, discos, instrumentos populares e produtos do Courel.

Posiblemente o día 14 haberá unha malla ao mallo e á maquina en Noceda.

Ademais, o día 15 de agosto ás 15:30 horas inaugurarase o monumento á raíña do Filandón María Balboa Santín en Quintela d’Oencia.

También te podría gustar...