Xornadas internacionais ‘Literatura galega: identidade, alteridade e exilio’ do Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense

Xornadas Internacionais UCM-UNED 2014Segundo comentaban fontes da Xunta de Galicia onte, Cultura e Educación organiza en Madrid, en colaboración coa UNED, as xornadas internacionais ‘Literatura galega: identidade, alteridade e exilio’ por medio do Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense.

O evento, no que participarán como relatores e conferenciantes máis de 90 investigadores, profesores e escritores do universo lingüístico e literario galego procedentes de diferentes universidades españolas e estranxeiras, desenvolverase do 18 ao 20 de setembro na Facultade de Filoloxía e Filosofía do Campus da Moncloa. O acto de clausura contará coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Xornadas Internacionais UCM-UNED 2014 ‘Literatura galega: identidade, alteridade e exilio’

As Xornadas Internacionais UCM-UNED 2014 «Literatura galega: identidade, alteridade e exilio», organizadas conxuntamente polo CEG de Madrid -un dos 36 cos que conta a Secretaría Xeral de Política Lingüística- e mais a UNED pretenden facer unha posta en común das liñas de investigación que se están a desenvolver nos centros galegos das universidades do mundo e noutras institucións, nomeadamente no ámbito da literatura galega fóra de Galicia e do estudo da identidade, a alteridade e o exilio.

Os directores son Carmen Mejía, responsable do CEG de Madrid; e Xavier Frías, profesor da UNED; mentres que o comité científico o integran Ana Acuña, Xesús Alonso Montero, Antonio Domínguez, Alberto Gómez, María Victoria Navas, André Pociña, Poepanga Chelaru e Juan Miguel Ribera.

O encontro pretende favorecer o contacto entre profesores, investigadores e estudantes interesados no coñecemento e estudo da literatura galega, así como fomentar o intercambio científico entre os relatores e os asistentes. Ademais, busca abrir e estimular o diálogo entre as distintas xeracións pertencentes á colectividade galega.

Están destinadas a profesores, investigadores e estudantes, Departamentos de Romanística, centros galegos en España, Portugal, Hispanoamérica e do resto do mundo, escolas oficiais de Idiomas e outras institucións interesadas no estudo da lingua, da literatura e da cultura galega.

O prazo de inscrición está aberto ata o día de inicio das xornadas (xoves 18) e pódese consultar toda a información no enderezo oficial http://cegmadrid.wix.com/simposioucm-uned2014.