Xornada sobre banda deseñada na Librería Pelayo de Monforte

A Librería Pelayo de Monforte segue apostando polo fomento da lectura e a divulgación. Nesta ocasión faino con dúas actividades de divulgación da ilustración e a banda deseñada. A primeira delas terá lugar este sábado 31 de outubro ten programada unha charla dobre “A banda deseñada en Galicia” que se poderá seguir, dadas as condicións sanitarias impostas pola Covid, a través das redes sociais  de Librería Pelayo a partir das 18:00 h.

O debuxante Xosé Manuel Fernández, fará unha introdución á historia máis e menos recente da banda deseñada en Galicia con especial atención á temática referida ao humor.

Galicia tivo e ten grandes debuxantes, moitos deles recoñecidos a nivel nacional e internacional. Dende artistas gráficos que destacaron máis como viñetistas ata outros que son referencia na banda deseñada e a novela ilustrada.

Na charla sairán nomes de recoñecidos debuxantes galegos, dende clásicos como Xaquín Marín, Xosé Lois ‘O Carrabouxo’, Pepe Carreiro ou Miguel Anxo Prado, ata outros máis achegados aos nosos tempos como Luis, Davila, Kiko da Silva, Jacobo Fernández, Miguel Porto, David Rubín ou Emma Rios. Tamén se dará conta de publicacións relevantes da banda deseñada galega, curiosidades e incluso anécdotas do propio ponente, tamén debuxante.

A outra actividade programada na librería monfortina é un “obradoiro de humor gráfico” para rapaces de 6 a 12 anos. Está pendente de concretar a data e a intención e poder ter algúns alumn@s presenciais, os que permitan as condicións sanitarias, e retransmitilo tamén a través das redes sociais.

—————————

Obradoiro de humor gráfico

Obradoiro destinado a rapaces de 6 a 12 anos que teñan inquietudes polo debuxo e a banda deseñada.

Partindo dunha presentación, na que Xosé Manuel Fernández conta a súa propia experiencia, avanzarase para coñecer o máis básico e importante deste xénero artístico.

Diferenciarase humor gráfico de banda deseñada e sairán temas tan importantes como as fontes da imaxinación, a creatividade, consellos profesionais, aspectos máis técnicos como a linguaxe da banda deseñada… E para rematar, realizarase algún exercicio práctico.

Xosé Manuel Fernández Montes é un galego orixinario de Quiroga pero con residencia actual en Monforte. Entre as súas dedicacións profesionais está o debuxo e a ilustración, disciplina que practica dende que era un neno.

A súa formación non é universitaria nin académica, basicamente autodidacta que se vai complementando con traballo e cursos de debuxo puntuais a nivel privado.

Publicou as súas primeiras viñetas no ano 1989, nun xornal de ámbito comarcal da zona de Valdeorras, e a partir deste momento tivo claro que as súas viñetas quedaban mellor publicadas nos xornais que metidas nun sobre dentro dos caixóns. Do 1991 ao 1998 colaborou na revista trimestral de Quiroga Don Camilo (xa non existe) e do 1990 ao 2000 na mítica revista de fútbol, tamén desaparecida, Don Balón, ilustrando goles.

Na primeira década dos anos 2000 empezou a colaborar con diferentes publicacións asociativas en Barcelona: Hórreo, Lúa Nova, Lúa, A Micro Pechado (nesta última non deixou de publicar ata a actualidade), participou en varias exposicións, as máis importantes no Centro Galego de Barcelona e no Museo do Humor de Fene. Colaboro tamén na coñecida revista humorística “Retranca”  e no suplemento de humor “O Farelo” do xornal A Peneira.

Do 2010 ao 2011 tivo unha sección de humor semanal no xornal Galicia Hoxe do grupo El Correo Gallego e do 2012 ao 2017 colaborou puntualmente co dixital Que pasa na costa. Dende o ano 2012 encárgase da sección semanal de humor do dixital Galicia Confidencial e dende 2015 fai viñetas para outro dixital, neste caso principalmente en castelán, Creando Tu Provincia.

Dende o 2015 ofrece obradoiros de coñecemento e aprendizaxe sobre debuxo e banda deseñada. Dende 2017 forma parte das propostas do Ciclo “Ler conta moito” que promove a Xunta de Galicia cunha actividade sobre o tema.

 

Xosé Manuel Fernández Montes, un abogado convertido en mánager de actores y con mucho pulso para hacer humor gráfico