• O Instituto Galego de Calidade Alimentaria coordinará o proxecto europeo de cooperación transnacional Wetwine
  • O Ingacal é o beneficiario principal deste proxecto, orientado a promover a conservación e a protección do patrimonio natural do sector vitivinícola
  • O proxecto representa preto do 25% da superficie de viñedo europeo, está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e abrangue un período de 36 meses
  • WetWine será presentado nunha xornada aberta aos interesados e ao público xeral o vindeiro 18 de novembro en Santiago

 

 

Los-viñedosO Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal), ente dependente da Consellería do Medio Rural, será o encargado de coordinar o proxecto europeo de cooperación transnacional WetWine, cuxo obxectivo se centra na conservación e protección do patrimonio natural do sector vitivinícola na zona Sudoeste de Europa (SUDOE).

Este proxecto representa preto do 25% da superficie de viñedo europeo, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e abrangue un período de 36 meses por un importe de axuda Feder de preto dun millón de euros.

O consorcio do Proxecto WetWine está integrado por entidades de recoñecido prestixio. Ademais do Ingacal participan a Asociación de Investigación Metalúrgica del Noroeste – Aimen (que coordina a parte técnica), a Universidade Politécnica de Cataluña – UPC, a Consejería de Agricultura, Ganadería y Medio Ambiente de La Rioja – Agamelariola, a Associação para o Desenvolvimento da Viticultura Duirense – Advid, o Institut Français de la Vigne et du Vin – IFV, o Institut National de la Recherche Agronomique – INRA e a Fundación Empresa‐Universidad Gallega – Feuga.

Precisamente o vindeiro 17 de novembro, en colaboración coa Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste, o Ingacal organizará a primeira reunión do Consorcio do Proxecto Europeo WetWine e, ao día seguinte, darase a coñecer esta inicitaiva ao público na sede da Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA), ubicada no Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela.

Neste evento presentarase dita iniciativa, o seu partenariado e o Programa Interreg V B SUDOE. Terán lugar ademais presentacións técnicas nas que se abordará a problemática actual na xestión de residuos das adegas, as posibles solucións, a lexislación de residuos e vertidos. Celebrarase ademais unha mesa redonda para debater sobre as alternativas e situación actual neste eido.

 

Experiencia piloto innovadora

O proxecto WetWine achegará solucións ás problemáticas derivadas da necesidade de xestionar os residuos que a industria vitivinícola xera durante as fases de elaboración do viño; así como a controlar o impacto destes sobre o medioambente.

Ademais, o WetWine fomentará o uso racional de fertilizantes que o cultivo da vide require, sendo clave o aporte axeitado de materia orgánica, nitróxeno, fósforo e outros oligoelementos; así como o reemprego e aproveitamento destes elementos no proceso de elaboración.

Ademais, aportará solucións aos problemas de tratamento de residuos da industria vitivinícola, en base ao desenvolvemento dunha experiencia piloto innovadora baseada na dixestión anaerobia e humidais de tratamento de auga e lama para promover a posta en valor e o uso racional dos recursos do territorio (auga e cultivo vitícola). Así como a súa reciclaxe como fertilizante para limitar a xeración de residuos e a contaminación dos solos e augas, diminuíndo nun 90% o impacto sobre o patrimonio natural. Ao tempo, o WetWine promoverá a transferencia directa dos resultados do proxecto -a través dos socios- ás principais denominacións de orixe da zona SUDOE.