Volven os magostos ao Bravo Lux da Rúa

  • O coñecido establecemento convida a un interesante encontro gastronómico no que non faltará a música en directo

 

Este venres 5 de novembro o Bravo Lux retoma o seu tradicional magosto. Será ás 20:30 h. e non faltarán boas viandas, castañas, viño e música en vivo para completar unha gran tarde-noite de comezo de fin de semana.

No que respecta á oferta gastronómica, polo prezo de 7 euros poderase gozar de bolos preñados, bullotes asados, bica caseira e bebida –cervexa, refresco ou viño–. Para mellor organización, a xerencia pide que se reserve a entrada.

E, claro está, unha boa paparotada magosteira pide música en directo para acompañar. A misión de poñer a guinda musical, neste caso, correrá a cargo do grupo valdeorrés ‘Os Broders’.

Como curiosidade que cómpre mencionar, a organización do evento conta para a ocasión con produto local: os chourizos e o pan corren a cargo de Carnicería Murias e Panadería Juyana respectivamente.