• Díaz Mouteira visitou os maiores que participan no programa Xuntos polo Nadal na residencia tempo libre do Carballiño
  • O obxectivo desta actuación é que os maiores da nosa comunidade non pasen sos estas datas
  • Neste programa, posto en marcha pola Consellería de Política Social, participan un total de 240 persoas, repartidas entre O Carballiño e a Residencia de Tempo Libre de Panxón
  • A iniciativa este ano conta coa colaboración de 17 voluntarios dos que a maioría están na residencia carballiñesa

IMG-20151223-WA0020

 

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, organiza un ano máis o programa “Xuntos polo Nadal” ofertando un total de 240 prazas para que aquelas persoas maiores que se atopen soas no Nadal podan pasar estas datas, entrañables e cun marcado carácter familiar, acompañadas doutras que se atopan na mesma situación.

A residenciade tempo libre do Carballiño (Ourense) acolle ás persoas que teñan o seu domicilio nas provincias de Pontevedra e Lugo ata cubrir un total de 120 prazas, mentres que na residencia de Panxón (Pontevedra) participan outras 120 persoas con domicilio nas provincias de A Coruña e Ourense.

A iniciativa comeza hoxe e prolongarase ata o vindeiro día 2 de xaneiro. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada polo xefe territorial de Política Social, José Selas, achegouse ata a Residencia do Tempo Libre do Carballiño para visitar aos maiores que viven sos e que viñeron a este centro para pasar acompañados o Nadal, ao abeiro desta campaña.

13 voluntarios
Un total de 31 traballadores da residencia e un grupo de 13 persoas voluntarias, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, reforzarán o compromiso da Xunta de Galicia no desenvolvemento deste programa.

Os voluntarios proporcionarán apoio e acompañamento aos maiores e colaboración na organización das actividades lúdicas que terán lugar en ambas residencias. Ao finalizar a súa acción voluntaria, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado expediralles un certificado acreditativo onde conste o labor realizado e as tarefas desenvolvidas polas persoas voluntarias.

O programa “Xuntos polo Nadal” inclúe aloxamento en cuarto compartido e manutención en réxime de pensión completa, desprazamento en autobús desde os lugares que se establezan nas distintas provincias ata as residencias de tempo libre, así como a viaxe de volta. Os participantes con idades comprendidas entre os 60 e os 92 anos gozan deste Nadal nun clima de convivencia e participativo para o que se programan actividades de animación sociocultural adaptados a todas as idades.

No proceso de selección das persoas participantes, deuse prioridade ás persoas con maior idade, a aquelas que viven soas e non teñen con quen pasar estas datas, así como aquelas que nunca participaran no programa. Do mesmo xeito, deuse preferencia aquelas persoas cun menor nivel de ingresos económicos. A Consellería de Política Social estableceu a gratuidade do programa para aquelas persoas que teñan uns ingresos mensuais inferiores ao IMPREM (532,51euros), mentres que aqueles que conten cuns ingresos superiores a dito importe contribuirán ao pagamento da estadía cunha achega de 50 euros.