“Vía de la Plata, el camino en Ourense por paisajes experienciales”

  • O Inorde leva a Vía da Prata á 41ª edición de Fitur
  • O presidente e a xerente do Inorde, participarán a vindeira semana, os días 20 e 21 de maio, na Feira Internacional de Turismo en Madrid, para dar a coñecer a riqueza natural, cultural, enogastronómica e patrimonial do noso territorio
  • A presentación central da provincia terá lugar o xoves, 20 de maio, ás 13.00 horas, coa “Vía de la Plata, el camino en Ourense por paisajes experienciales”, para promocionar este itinerario neste dobre Ano Xacobeo
  • Así mesmo, a participación do Inorde en Fitur complementarase coa presentación do “Geocaching, descubre los tesoros en Terra de Celanova-Serra do Xurés”, unha das actividades novidosas contempladas no seu Plan de Acción do 2021

 

O Inorde participará na 41ª edición da Feira Internacional de Turismo, que se celebrará do 19 ao 23 de maio, con dúas accións centradas na promoción do territorio como destino seguro e na posta en valor da súa importante riqueza cultural, patrimonial, natural e enogastronómica, nun dos escaparates do sector turístico máis importantes do mundo.

Fitur 2021 preséntase como a primeira gran cita do sector que se celebrará de xeito presencial e, por elo, o Inorde e a Deputación de Ourense “non queren perder a oportunidade de amosarlle ao resto do mundo as potencialidades turísticas da nosa provincia e a oferta que temos que se adapta perfectamente á situación sanitaria actual”, salientou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández.

No marco deste escaparate internacional do turismo, o Inorde participará con dúas accións: unha delas estará centrada na Vía da Prata ao seu paso pola provincia de Ourense e, a outra, amosa unha das actividades incluídas no Plan de Acción do 2021 do Xeodestino Terra de Celanova-Serra do Xurés, o geocaching. Ambas presentacións terán lugar no Stand de Turismo de Galicia.

A presentación central da provincia terá lugar o xoves, 20 de maio, ás 13.00 horas, baixo o título “Vía de la Plata, el camino en Ourense por paisajes experienciales”, para promocionar este itinerario xacobeo que é o de maior extensión dentro de Galicia, neste dobre Ano Santo. “Trátase de impulsar esta ruta xacobea ante prescriptores do sector turístico destacando as súas potencialidades. Neste itinerario os peregrinos terán a posibilidade de vivir a experiencia a través das nosas fermosas paisaxes, de coñecer iconos patrimoniais da nosa provincia, e de gozar da oferta enogastronómica que lle ofrece o noso territorio”, explicou Rosendo Fernández.

Por outra parte, o venres, 21 de maio, ás 10.10 horas, presentarase “Geocaching, descubre los tesoros en Terra de Celanova-Serra do Xurés”, unha das novidosas actividades incluídas no plan de acción deste ano. Esta actividade ten como obxectivo amosar dun xeito interactivo e divertido a riqueza histórica, cultural e patrimonial dos 14 municipios que integran este xeodestino. Para elo, creáronse catro rutas con diferentes temáticas que permiten recorrer a práctica totalidade dos municipios integrantes do xeodestino mediante a visita a lugares e recursos de gran interese.

A provincia de Ourense tamén terá un punto de información dentro do stand de Galicia, no que se promocionarán os recursos dos diferentes concellos e entidades da provincia.

Desta maneira, un ano máis, a provincia de Ourense é protagonista pola súa riqueza cultural, natural e patrimonial, en Fitur, un punto de encontro para os profesionais do turismo que na pasada edición de 2020 logrou récord de participación con 10.487 empresas de 165 países y 253.000 visitantes.