• A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, Premio “Excelentia a la Cultura” 2016
  • O acto de entrega do prestixioso galardón, que conta coa Raíña Dona Sofía como presidenta de honra, terá lugar o vindeiro 13 de abril no Auditorio Nacional de Madrid
  • Manuel Baltar afirma que este recoñecemento “é a merecida homenaxe aos mellores embaixadores da cultura musical de Ourense e Galicia, que son as mozas e mozos que integran e integraron á Real Banda ao longo da súa historia e ao seu director, Xosé Lois Foxo”

Xosé Lois Foxo e Manuel Baltar.

 

A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense ven de ser distinguida co Premio “Excelentia a la Cultura” 2016, un galardón que recoñece a traxectoria e os proxectos culturais máis destacados no ámbito da música e da cultura. O acto de entrega do prestixioso galardón, que conta coa Raíña Dona Sofía como presidenta de honra, terá lugar o vindeiro 13 de abril no Auditorio Nacional de Madrid, e a el acudirá para recoller o premio o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, quen afirma que este recoñecemento “é a merecida homenaxe aos mellores embaixadores da cultura musical de Ourense e Galicia, que son as mozas e mozos que integran e integraron á Real Banda ao longo da súa historia e ao seu director, Xosé Lois Foxo”.

Baltar considera que a Real Banda de Gaitas “é o mellor exemplo de amor pola terra, pola defensa das tradicións e polo mantemento dunha cultura, a musical, da cal Ourense e Galicia teñen na gaita o seu singular e máximo expoñente universal”, e remarca que a iso debemos unir “o espírito emprendedor impulsado polo fundador da Real Banda, o seu director, Xosé Lois Foxo, un espírito que soubo transmitir aos centos de xóvenes que ao longo de trinta anos pasaron pola formación musical como gaiteiros ou percusionistas”.

Manuel Baltar afirma que a música tradicional en Ourense ten un inequívoco sinal de identidade: a Real Banda de Gaitas, “referente non só no ámbito musical senón tamén investigador, social e cultural”. “Unha verdadeira enciclopedia de pentagramas, tradición e convivencia”, subliña o presidente da Deputación.

A Real Banda de Gaitas recibe o premio “Excelentia a la Cultura” na categoría de “Proxectos culturais”, mentres que nos outros ámbitos os premiados son: a mezzosoprano Teresa Berganza (traxectorias profesionais); o conservatorio “Rodolfo Halffter” (Proxectos educativos); o Teatro Real e Radio Clásica (Efemérides institucionais), e Abanca, BMW, Cofares e Chopard (Empresas comprometidas coa cultura).

A Fundación “Excelentia”, organizadora dos premios, desenvolve a súa actividade no campo da cultura e foi creada para contribuír á difusión do patrimonio lírico-musical e impulsar a creación e representación das artes musicais en todas as súa variedades. A fundación ten un forte compromiso social e desenvolve proxectos educativos que inclúen concertos pedagóxicos para nenos, axudas para a formación musical , cursos de música para nenos e concertos benéficos a prol das fundacións “Reina Sofía”, “Luca de Tena” e “Síndrome de Down”.

A entrega do premio á Real Banda de Gaitas terá lugar o vindeiro 13 de abril, ás 19.30 horas, na Sala Sinfónica do Auditorio Nacional de Madrid, acto no que a Orquesta Clásica “Santa Cecilia” interpretará a Sinfonía nº9 de Beethoven.