Un total de 21 alumnos participan en cursos de formación dual nas ramas sociosanitaria e forestal en Verín
Un total de 21 alumnos e alumnas están a participar en Verín en cursos de formación dual nas ramas sociosanitaria e forestal. A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz López, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitaron hoxe aos participantes desta iniciativa que financia a Consellería de Traballo e Benestar e que organizan os concellos de Verín, Oímbra e Vilardevós.
Por unha banda, un total de 10 alumnos e alumnas están a formarse na rama sociosanitaria. Recibirán 850 horas de formación co obxectivo de capacitalos para atender a persoas dependentes no ámbito sociosanitario na institución ou no seu domicilio. En concreto, os participantes aprenden a aplicar estratexias e os procedementos máis axeitados para manter e mellorar a autonomía persoal das persoas dependentes. Ao remate das accións formativas, os alumnos recibirán un certificado en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e en atención a persoas no domicilio.
Doutro lado, 11 mozos e mozas están a formarse na rama forestal. O curso inclúe 775 horas de formación en tres especialidades diferentes nas que os participantes recibirán un certificado: en actividades auxiliares, en conservación ou mellora de montes, en aproveitamentos forestais, ou en medio ambiente na agricultura. Nestas accións, os participantes aprenden a realizar os traballos necesarios para a conservación e mellora do monte seguindo un plan de traballo e aplicando criterios de calidade e eficiencia tendo en conta a normativa en prevención de riscos laborais. Tamén aprenden o aproveitamento dos produtos forestais, manexando os equipos, as máquinas e as ferramentas axeitadas en condicións de seguridade e saúde respecto a normativa medioambiental.
Díaz López destacou que o Diario Oficial de Galicia xa publicou as axudas da Consellería de Traballo e Benestar deste ano para a formación dual co que se prevé poder formalizar preto de 500 contratos para mozos e mozas menores de 30 anos. O departamento autonómico investirá nesta iniciativa, coa que se regula, polo tanto, o financiamento de formación asociada aos contratos de formación e aprendizaxe, máis de 2,6 millóns de euros.
Esta iniciativa, que combina un posto de traballo cunha actividade formativa, está dirixida, especialmente, aos menores de 30 anos cunha baixa cualificación e que estean en situación de desemprego. Tamén poderán ser beneficiarios os mozos inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil, tal e como concretou Díaz López.
O prazo de solicitude destas axudas xa está aberto e rematará o 30 de setembro para as empresas e o 15 de novembro para as entidades locais.
A iniciativa ofrece aos mozos desempregados un contrato profesional e unha formación certificada, ao tempo que as entidades contratantes teñen a posibilidade de contar con profesionais preparados para determinados labores específicos. O proxecto consiste en proporcionar aos beneficiarios un traballo asociado a unha actividade formativa de calidade vinculada a demanda real do mercado laboral e a un certificado de profesionalidade, de validez estatal.
Dous tipos de incentivos
A orde de axudas conta con dous tipos de programas de incentivos: para a formación asociada aos contratos e para a actividade laboral do contrato.
No primeiro caso, para o programa de incentivos á formación, será subvencionable a formación asociada aos contratos de formación e aprendizaxe que exceda do 25% da xornada laboral (ata o 25 por cento será bonificado polo Estado) e se teña desenvolvido no ano 2014 e 2015, con anterioridade ao 15 de novembro do ano 2015, no caso das entidades locais, e con anterioridade ao 30 de setembro do ano 2015, no caso das empresas. En todo caso, só serán subvencionables os gastos de formación posteriores ao 14 de novembro de 2014. No suposto de que as persoas traballadoras contratadas con posterioridade ao 24 de xaneiro de 2015, sexan persoas beneficiarias do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil só será subvencionable a formación que exceda do 50% da xornada laboral.
Doutra banda, os contratos para a formación e a aprendizaxe incentivaranse cunha axuda de ata 1.200 euros, sempre que o tempo efectivo de traballo sexa igual ao 75% da xornada de traballo e a parte proporcional, se a xornada de traballo é menor. Neste último caso, poderase subvencionar a cotización á Seguridade Social correspondente á persoa empregadora, sempre que o contrato para a formación e o aprendizaxe sexa realizado por una entidade da Administración Local de Galicia e sen que en ningún caso a contía da subvención poida superar a contía máxima de 2.000 euros.