A Xunta e o concello de Verín asinan o convenio para a redacción do Plan especial de protección e reforma do núcleo histórico e do barrio de San Lázaro

SONY DSC

 

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, asinaron esta mañá o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Verín para o financiamento da redacción do Plan especial de protección e reforma interior do núcleo Histórico e do Barrio de San Lázaro (PEPRICH). En virtude desta colaboración, a Consellería de Medio Ambiente destinará un total de 110.338 euros.

Ambas administracións consideran que o proceso de formación do Plan especial debe realizarse coordinadamente entre estas, a través da colaboración na elaboración do planeamento e coordinación no exercicio das súas competencias respectivas e considerando as especiais circunstancias que concorren na redacción e tramitación do documento, unidas á complexidade de redactar un plan especial.

A conselleira salientou que o Núcleo Antigo de Verín sofre certa degradación motivada polo desprazamento da centralidade urbana e envellecemento da poboación; o patrimonio en proceso de deterioración e deficiencias en infraestruturas urbanas como dotacións, equipamentos e problemas de accesibilidade e mobilidade e a falla de condicións de habitabilidade e de actividade comercial.

O centro histórico, orixe e epicentro da vila, contén os sinais de identidade -as prazas, a configuración das rúas e edificacións, a composición das fachadas e os materias empregados nas rúas-, e marca a evolución da vila ao longo do tempo.

A conservación e revitalización do Patrimonio debe conectarse cunha acción de rehabilitación que comprenda non só os medios e procedementos arquitectónicos e técnicos, senón tamén a creación de servizos socias e culturais adecuados, de modo que se chegue a garantir un equilibrio entre a parte antiga e a moderna.

Ambos mandatarios destacaron que a colaboración ratificada esta mañá procurará a conservación do centro histórico facéndoa compatible coa súa rehabilitación funcional, económica e cultural.

O Plan Especial de Protección e Reforma Interior constituirá un instrumento de planificación e ordenación que contribuirá ao impulso e á revitalización dunha zona emblemática -o casco histórico-, sen a cal non se pode entender a orixe e a evolución deste municipio.

Unha das razóns que xustifican a necesidade de establecer esta colaboración é o feito de que o Concello de Verín ten unha situación privilexiada na estratexia de cooperación coa cidade transfronteiriza de Chaves, en Portugal. Entre ambas cidades forman unha Eurocidade con personalidade xurídica propia que ten entre os seus obxectivos a harmonización e a compatibilidade de instrumentos de xestión do territorio, que deben ser especialmente protexidos e potenciados fomentando un equilibrio territorial e reducindo o risco de usos distintos ou planificacións asimétricas que dificulten a ordenación da eurocidade como único territorio. Entre os instrumentos destacan os plans de ordenación urbanística, normativas e plans específicos, desenvolvemento do termalismo e do auguismo, imaxe de marca territorial arredor da auga, á saúde e do benestar.

Por outra banda, a Xunta de Galicia ten atribuídas competencias específicas en materia de urbanismo entre as que se atopan, en relación cos plans especiais, a emisión do informe perceptivo e vinculante, no que se refire ao control da legalidade e tutela dos intereses supramunicipais, así como o cumprimento das determinacións establecidas nas directrices de ordenación do territorio e dos plans territoriais e sectoriais.

O municipio de Verín conta na actualidade cun Plan xeral de ordenación municipal aprobado en decembro de 2012; neste documento xa se recollía a necesidade de redactar un plan especial de protección e reforma interior para o Núcleo Antigo e o Barrio de San Lázaro.