Un total de 20 persoas fórmanse no obradoiro de emprego da Mancomunidade do Ribeiro no que a Xunta inviste 180.000 euros

image_gallery (3)Un total de 20 persoas desempregadas están a participar no obradoiro de emprego da Mancomunidade do Ribeiro, impulsado de forma conxunta polos concellos de Beade, Leiro, Cenlle, Arnoia e Cortegada.

A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou hoxe esta iniciativa, na que o Goberno galego está a investir preto de 180.000 euros. Este programa, que está en marcha desde xullo, ofrece aos alumnos a posibilidade de acceder a un posto de traballo, ao tempo que reciben formación especializada.

Neste caso, o alumnado está a especializarse en xardinería e axuda no fogar. Os participantes obterán un certificado de profesionalidade de validez nacional, que “enriquecerá de forma moi significativa” o currículo de todos eles e que, polo tanto, contribuirá a mellorar a súa empregabilidade, segundo indicou a directora xeral.

Outra das vantaxes dos obradoiros de emprego é que permiten a realización de obras ou servizos para a comunidade. Neste ocasión, estase a desenvolver o servizo de axuda no fogar nos municipios de Leiro, Cortegada, Cenlle, Arnoia e Beade.

Ademais, en Arnoia levarase a cabo o axardinamento da Praza do Concello, a área recreativa do Inquiau, o mantemento, conservación e mellora da zona Canastros en Laxa, a roza do monte das Lombas e o seu mantemento, e a conservación e mellora das áreas recreativas na Reza.

No concello de Beade farase o acondicionamento da área recreativa á beira do río Avia, a creación de área recreativa no núcleo urbano de Beade e a restauración do parque infantil na rúa Caudillo. En Cenlle, actuacións para a recuperación ambiental do campo do Cabalo na localidade de Laias. En Cortegada, o axardinamento da contorna do Balneario. E, en Leiro, o acondicionamento do campo da festa de San Pedro e o mantemento da área recreativa do Salgueiral.

A provincia de Ourense contará con doce programas mixtos de emprego para este ano que beneficiarán a preto de 300 persoas en situación de desemprego cun orzamento de preto de 2,2 millóns de euros. En total, en toda Galicia vanse levar a cabo aproximadamente medio centro de obradoiros, grazas a un investimento de 10,2 millóns de euros que beneficiará a máis de 1.000 galegos e galegas.

Ademais, a Consellería de Traballo e Benestar convocou este ano por primeira vez unha Orde para menores de 25 anos, incluída dentro do novo programa de Garantía Xuvenil, que conta cun orzamento de 4,7 millóns de euros. Así, o departamento que dirixe Beatriz Mato investirá arredor de 15 millóns de euros na posta en marcha de 70 obradoiros ao longo do presente ano cun total de 2.000 beneficiarios.

También te podría gustar...