Preto de 3.000 persoas participaron no primeiro semestre do ano nas actividades da escola galega de saúde para cidadáns

SERGASUn total de 2.950 persoas participaron nas diversas actividades realizadas en toda Galicia pola Escola Galega de Saúde para Cidadáns. Destas, 2.871 asistiron aos 22 talleres e 79 aos 6 foros. Ademais, outras das actividades a destacar son os obradoiros da Escola de Maiores levados a cabo nos centros sociocomunitarios das provincias de A Coruña e Lugo, no marco do acordo de colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar.

Os obradoiros oriéntanse a ensinar aos maiores o manexo de ferramentas que estimulen a súa memoria de cara á prevención do deterioro cognitivo na terceira idade, fomentar hábitos saudables relacionados coa alimentación e o exercicio de cara a previr patoloxías relacionadas no futuro. Tamén se forman en temas de seguridade, manexo das webs oficiais e recursos sociosanitarios.

A primeira actividade desenvolvida este ano foi o obradoiro de Escola de Pais, co obxectivo de dotar aos proxenitores da información, formación, coñecemento e habilidades necesarios relacionados cos coidados da saúde na infancia e a prevención da enfermidade.

Os seguintes, abordaron temas como os coidados na artrite, primeiros auxilios, trastornos alimentarios e coidados a dependentes, entre outros. A duración aproximada foi dunhas tres ou catro horas, cun total de 30 prazas de asistencia por cada un deles.

Tamén se realizaron diversos talleres nos que os cidadáns podían formarse en temas como a diabetes, co fin de aclarar as dúbidas sobre o manexo das técnicas de inxección de insulina, actualizar coñecementos sobre o tratamento e a evolución da enfermidade; talleres para formar aos pacientes, familiares e cidadáns en xeral, sobre os distintos recursos sociosanitarios públicos, a súas características e tipos de usuarios, e instruílos para unha correcta utilización dos distintos recursos sanitarios.

Doutra banda, a Escola tamén ten en marcha un foro denominado O experto responde, no que os pacientes, familiares e poboación xeral, interactuan con profesionais sanitarios en tempo real e a través de Internet sobre materias sanitarias como enfermidades raras, hemofilia, autismo, enfermidade renal, e outros temas de interese xeral.
Ademais, no apartado online , incluíronse tres novos cursos que se poden realizar a través da web, atención á dor para pacientes e cidadáns; pautas para o uso correcto dos inhaladores; e síndrome de intestino irritable.

Programación para o segundo semestre de 2015
A Escola ten planificado ata final de ano, talleres sobre muller e saúde; o coidado do paciente inmobilizado; formación de voluntarios para traballar con pacientes de cancro dentro e fora do hospital e seguridade dos medicamentos para evitar riscos, entre outros. Todos aqueles que estean interesados, xa poden inscribirse a través da mesma páxina web (www.sergas.es). Tamén, ten previsto abordar no seu foro temas como saúde mental, persoas xordas, osteoporoses, ictus e a dor. Para novembro e decembro os temas planificados son diabetes, uso prudente de antibióticos, Sida e escleroses múltiple.