Narración oral e música serán os ingredientes da proposta que o ciclo De Perto levará este xoves, 17 de xullo (22h30) aos xardíns da Casa Grande de Viloira. O actor valdeorrés Paco Campos co músico Xosé Taboada e o tamén actor César Cambeiro levarán ao público historias baseadas na tradición oral da nosa comarca.

PACO CAMPOS, XOSÉ TABOADA E CÉSAR CAMBEIRO ESTARÁN ESTE XOVES EN VILOIRA DENTRO DO CICLO DE PERTO

En “O fillo de Maciste” Paco Campos co acompañamento de Xosé Taboada, conta varios dos relatos de seu audio-libro do mesmo título (Ed. Galibook, A Coruña, 2013). O val de Iorres, a actual Valdeorras, é o verdadeiro protagonista destes contos, dándolle unidade e soporte aos diferentes personaxes e historias que me propuxen urdir e trenzar a xeito de tapiz. Iorres, terra de contrastes: dende o caudaloso Sil, encaixado entre canóns, onde aínda non hai moito as “aureanas” peneiraban as areas dos aluvións na procura das pebidas de ouro, deica os cumes de Pena Trevinca, o teito galego, salferida de lagoas glaciares con nomes máxicos: Lagoa da Serpe, Lagoa do Ocelo, ou fragas míticas coma o Teixadal.

“Tradición 2.0” de César Cambeiro está composto por dúas lendas tradicionais. Antes, durante e despois entran en xogo os contos que fan que a narración respire, ó tempo que introducen, rompen ou despiden as lendas. As lendas son dúas: “A ponte do porco”, que fala das aventuras do amor entre Roxín Roxal e Tareixa, aventuras que deron lugar a que a ponte que hai “camiño de Miño”, na desembocadura do Río Lambre se chame así, Ponte do porco. A segunda lenda é a que fala de “Roldán e as tres costureiras de Puxares”, feitos e aventuras que aconteceron polas terras de Valdeorras.

Máis Información na web do Concello de O Barco