xunta de galiciaTurismo de Galicia presentou o destino turístico Galicia aos principais operadores chilenos, dentro do programa das xornadas de promoción directa organizadas por este departamento da Xunta de Galicia en colaboración con Turespaña para apoiar a comercialización turística da comunidade galega nos mercados emerxentes de América do Sur.

Deste xeito desenvolveuse no Club de Golf 50 de Santiago de Chile unha xuntanza de traballo cos operadores turísticos do país andino como continuación da celebrada o pasado día 12 de novembro na Embaixada de España en Montevideo cos axentes de viaxes máis salientables de Uruguai .

Así, á cita do Club de Golf 50 en Santiago acudiron 56 representantes das 23 operadoras turísticas máis importantes de Chile.

Empresas turísticas chilenas

Os operadores turísticos chilenos que participaron nesta presentación de Turismo de Galicia foron Select Tours, Turismo Cocha, Turismo Universal, Alondra Viajes, Vacations Chile, Panamericana Turismo, Turismo Echegoyen, Sernatur, Casablanca Tours, Amerindo, ADS Mundo, Turavión, Deltour, Happy Tour Service, Travel Security, Uinundo, Carlson Wagonlit Travel, Andina del Sud, Falabella, Travel Club, Intertour, Blanco e Job Travel.

O programa comezou cun almorzo con xornalistas especializados en Turismo e viaxes en Santiago de Chile, ao que lle seguíu a xuntanza de traballo cos operadores turísticos .

Mercados emerxentes

Con esta xira promocional, Turismo de Galicia mantén a súa aposta este ano pola difusión da oferta turística galega nos mercados emerxentes máis interesantes do panorama internacional.

Así, ao longo deste ano, Galicia xa participou en distintas actividades relacionadas coa promoción turística e cultural da comunidade galega nos países do leste de Europa, como Rusia e Uzbequistán, ademais de programar unha exposición fotográfica sobre Galicia nas sedes do Instituto Cervantes en Varsovia, Cracovia e Bialystok, en Polonia.

Ademais, Turismo de Galicia participou en varias feiras turísticas desenvolvidas en Brasil e outras accións de promoción organizadas coa colaboración da Embaixada de España en Brasil e Turespaña.