Turismo organiza unha exposición fotográfica sobre Galicia no Instituto Cervantes de Varsovia

 

Turismo de Galicia organiza unha exposición fotográfica sobre Galicia no Instituto Cervantes de Varsovia.

A directora de promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, e o embaixador de España en Polonia, Agustín Núñez, acompañados polo director da Oficina de Turismo de España en Polonia, Roque González, inauguraron a exposición fotográfica “A Galicia do fin do mundo” que desde onte e ata o vindeiro 7 de novembro se poderá ver na sede do Instituto Cervantes da capital polaca, Varsovia.

Trátase dunha exposición que conta con 51 fotografías de gran formato nas que se mostran paisaxes, costumes e a arquitectura da comunidade galega, desde os prehistóricos castros, pasando polas edificacións románicas e barrocas, ata chegar aos proxectos construtivos máis contemporáneos.

Ademais a mostra inclúe unha ampla selección de fotografías relacionadas co Camiño de Santiago, a través das súas paisaxes, edificacións e peregrinos das distintas rutas.

Para a difusión deste evento na cidade polaca editáronse folletos que se distribuirán en distintos lugares senlleiros de Varsovia e pósters que se colocarán nas oficinas de Turismo e lugares públicos con gran presenza de público.

Bialystok e Cracovia
Esta exposición fotográfica xa se puido ver na cidade polaca de Bialystok, entre os días 24 de abril e 7 de maio no centro cultural municipal, así como en Cracovia, do 25 de xuño ao 15 de setembro pasados, na sede do Instituto Cervantes.

Por outra parte, no ámbito da promoción turística galega en Polonia, Turismo de Galicia levou a cabo entre os días 28 e 31 de marzo, unha promoción no principal centro comercial da cidade de Cracovia desde o que promoveron os produtos e servizos turísticos, así como a artesanía e os produtos galegos de calidade.

Turismo organiza unha exposición fotográfica sobre Galicia no Instituto Cervantes de Varsovia 2