A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou esta mañá o Foro de Santiago TV “Impacto económico do Camiño de Santiago” 2

 

Desde o próximo 26 de marzo ata o 24 de abril terá lugar na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela o VI Curso de formación para informadores de Oficinas de Turismo e Guías, organizado polo Centro de Estudos Avanzados e Investigacións Turísticas (CETUR), e homologado pola Xunta de Galicia.

O dito curso consta de 50 horas lectivas divididas en oito bloques temáticos orientados a un ámbito turístico especializado.

Así o curso abordará o turismo relixioso e espiritual, a auga como recurso turístico, o turismo industrial, a psicoloxía e accesibilidade aplicada ao turismo, a enogastronomía, con especial interese no mundo do café, a paisaxe e a natureza como recursos con grandes posibilidades de promoción, sen esquecer a aplicación das novas tecnoloxías nas visitas turísticas ou a mercadotecnia turística e a web.

As xornadas, que terán lugar os xoves e venres pola tarde, de 16,30 horas a 21,00 horas, no salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, serán impartidas por destacados expertos no sector.

Con este curso preténdese que os guías e informadores turísticos de Galicia poidan adquirir os coñecementos e destrezas oportunas para ofrecer información turística e realizar visitas guiadas de calidade, dotadas de contido rigoroso e específico no que atinxe aos principais recursos de turísticos de Galicia.

O prazo de inscrición do curso xa está aberto e o número máximo de prazas está limitado a cincuenta.

Para a obtención do certificado de asistencia homologado pola Xunta de Galicia, será necesaria a asistencia a un mínimo do 80 por cento do total das horas lectivas e entregar un traballo final que acredite o aproveitamento deste.

Aposta pola formación para acadar un sector competitivo

Galicia debe apostar por un tecido empresarial formado por empresas e profesionais turísticos competitivas polo que é necesario realizar labores de formación e asesoramento.

Este curso é unha iniciativa máis de Turismo de Galicia a prol da formación dos recursos humanos da nosa Comunidade para a acadar un sector competitivo e de calidade.

Esta aposta da Administración turística galega pola formación esta tamén reflectida no Plan Integral de Turismo o cal dedica unha das súas liñas estratéxicas ao fomento do talento para acadar un sector competitivo.

Así Turismo de Galicia desenvolve un plan de acción específico orientado á formación especializada nos diferentes ámbitos do sector turístico de Galicia.