O último filme de Jean-Luc Godard abre a carteleira de 30 películas que exhibirá este ano o CGAI no cineclub Padre Feijoo de Ourense

descargaO Cineclub Padre Feijoo de Ourense inicia o vindeiro 6 de abril o ciclo de exhibición de películas para 2015 procedentes da programación do CGAI (Centro Galego das Artes da Imaxe) coa proxección de ‘Adiós al lenguaje’ (Adieu au langage), o último filme do cineasta francés Jean-Luc Godard, que poderá verse na sala da Biblioteca Pública Nodal de Ourense.

A película, Premio do Xurado no pasado Festival de Cannes, abre deste xeito unha carteleira anual que estará conformada por un máximo de 30 títulos, cando menos sete deles de produción galega, e que se irá desenvolvendo practicamente cunha proxección semanal, agás nos meses de xullo e agosto.

Así o recolle o convenio de colaboración asinado hoxe na Delegación Territorial da Xunta en Ourense por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e Manuel Precedo, presidente do Cineclube Padre Feijoo de Ourense.

O acordo, que supón a consolidación do cineclube da cidade como a principal extensión continuada e estable da programación do CGAI fóra da súa sede da Coruña, materialízase nunha selección de títulos que levan a cabo os responsables de ambas as dúas entidades, en tanto que a Agadic asume a adquisición dos dereitos de emisión das fitas e os custos dos traslados.

Relación entre cine e pintura

Trala obra de Godard, a programación continuará o 13 de abril con ‘Shirley (Visiones de una realidad)’, de Gustav Deutsch; o 20 de abril con ‘National Gallery’, de Frederick Wiseman; o 27 de abril coa sesión dobre de ‘Cezanne’ e ‘Una visita al Louvre’, de Straub e Huillet; e o 4 de maio con ‘Mr. Turner’, de Mike Leigh. Estas catro últimas citas pertencen ao ciclo ‘Cine e pintura’ actualmente en curso no CGAI, no que se afonda nas relacións entre as dúas artes a través da escolma de películas realizada con motivo da exposición ‘O primeiro Picasso’ no Museo de Belas Artes da Coruña. Nos meses sucesivos, o calendario de proxeccións irase concretando en correlación á programación anual do CGAI, organizada bimestralmente e conformada por unha selección representativa da diversidade cinematográfica galega e internacional, na que teñen cabida ciclos monográficos, películas para público infantil ou propostas que distribúe por distintos centros culturais españois o Circuíto de Cine Independente.

Promoción compartida

Durante o acto de sinatura do convenio, Jacobo Sutil expresou que esta colaboración reflicte “un feliz punto de encontro entre a Agadic e o Cineclube Padre Feijoo, en tanto que estamos a falar de dúas institucións que comparten como obxectivo fundamental a promoción en Galicia da cinematografía galega e universal”.

O director da Agadic considerou prioritario o impulso da relación entre os distintos axentes culturais galegos no ámbito audiovisual mediante programas de cooperación con estruturas de fins semellantes ou complementarios. “Tales son os casos, por exemplo, dos concellos cos que organizamos o circuíto ‘Cinemas de Galicia’; do Museo de Pontevedra, co que mantemos na actualidade un ciclo de cine infantil; do Cineclube Lumiére de Vigo, co que iniciaremos en breve outra colaboración similar á de Ourense; ou da propia Federación Galega de Cineclubes, á que tamén apoiamos na súa actividade anual”, agregou. Referiuse tamén ao Cineclube Padre Feijoo como unha desas estruturas, á que lle recoñeceu, ademais, a súa longa traxectoria e a súa firme aposta polo desenvolvemento cinematográfico na cidade de Ourense mediante a posta a disposición dos cidadáns de pezas fundamentais da sétima arte.