Teatro afeccionado en Monforte

  • Mañá domingo na Casa da Cultura con “As fillas de Eva” da compañía Nova Escena Teatro
  • O Concello de Monforte acolle a estrea da primeira das dúas obras do Ciclo “Argalladas” de teatro afeccionado, que organiza en colaboración coa da Deputación de Lugo. Así, este domingo 13 de decembro a Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro acollerá a representación desta obra a partir das 20.00 h
  • A entrada é gratuíta e o aforo máximo será de entre 40 e 50 persoas, dependendo si veñen convivintes, segundo a normativa vixente para este tipo de espazos e actividades. A entrada do público á Casa da Cultura terá lugar media hora antes do inicio da obra (19:30 h)
  • Todos os asistentes deberán seguir as indicacións do protocolo específico de seguridade e hixiene ante o Covid-19 co que conta o Concello para as representacións teatrais na Casa da Cultura

 

O Concello de Monforte acolle a estrea da primeira das dúas obras do Programa Circuíto Teatro Afeccionado-Ciclo Argalladas, que organiza en colaboración coa Deputación de Lugo- Vicepresidencia.

Así, este domingo 13 de decembro a Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro acollerá a representación da obra, dirixida a público adulto, “As fillas de Eva” da compañía Nova Escena Teatro, a partir das 20.00 horas.

A entrada é gratuíta e o aforo máximo será de entre 40 e 50 persoas, dependendo si veñen convivintes, segundo a normativa vixente para este tipo de espazos e actividades. A entrada do público ó salón da Casa da Cultura terá lugar media hora antes do inicio da obra (19:30 h).

Sinopse

Nun país asolado por unha longa guerra, Eva loita por soster a casa e ás fillas, fiando con esforzo o día a día entre o desánimo e a esperanza. Para ela o futuro repousa no seu único fillo varón. A chegada do seu marido desestabilizará o feble equilibrio do seu mundo.

Este é un drama no que se reflexiona sobre o papel da muller nos conflitos armados.

A seguinte obra deste Programa Circuíto Teatro Afeccionado-Ciclo Argalladas será Hotel Desencanto da compañía Hipócrita Teatro, que terá lugar o sábado 19 de decembro na casa da Cultura ás 20:00 h, con entrada gratuíta ata completar aforo seguindo a normativa sanitaria no momento da actuación. 

 

Protocolo ante o Covid-19

Para o desenvolvemento deste ciclo de teatro que abranguerá de outubro a decembro do presente ano, o Concello de Monforte contará con medidas de seguridade e protección ante o Covid-19:

  • A capacidade do local dependerá da situación sanitaria no momento de cada actuación: nestes momentos o aforo máximo será de entre 40 e 50 persoas.
  • A venda de entradas farase dende unha hora antes da actuación.
  • A entrada ó salón de actos realizarase dende trinta minutos antes do comezo da obra.
  • Será obrigatorio o uso de máscaras de protección e a utilización da solución hidroalcohólica para as mans.
  • Gardarase a distancia social de seguridade.
  • Non se tomará asento ata que o acomodador lle indique o seu sitio.