Nadal en Viana

 

  • Programación

 

  • Escrito Alcaldía

Dende o Concello de Viana do Bolo presentámosvos un Programa de Nadal adaptado ao momento no que vivimos. Un programa que trata de reflectir os valores que estas datas chaman ás nosas portas e que, por atoparnos nunha situación delicada, non debemos esquecer. Non obstante, o primeiro que hai que afirmar é que todas e cada unha das actividades programadas realizaranse cunha exquisita minuciosidade en relación ás recomendacións sanitarias que existan no momento de levalas a cabo. A poboación de Viana do Bolo debe saber que pode asistir a cada acto programado coa tranquilidade de que se levarán a cabo as medidas oportunas para que poidan gozar destas máxicas datas sen medo. 

E dito isto, pasamos a describir, a grandes trazos, este calendario: O Nadal é un momento para estreitar lazos na casa. Nestes momentos de pandemia, o fogar, a casa, é unha oportunidade para vivir este tempo de ilusión que nos traen estes fermosos días que nos chegan. É por iso que os obradoiros que
outros anos se levaron a cabo presencialmente este ano van ser virtuais, a través das redes. Promocionaremos a canle de YouTube do Concello, e realizaremos artesanía, cociña, concursos, a recepción dos Reis Magos, o desenvolvemento da súa visita ás aldeas, polas rúas de Viana, … a través dos ollos de youtube, dende a casa, coa familia, … E é que en definitiva esta situación tamén debe ser unha oportunidade para o noso Concello sacando o máximo proveito das redes sociais, Facebook, YouTube, …

Pero tamén ofreceremos actividades presenciais na Casa da Cultura. Un local que leva moito tempo pechado e que queremos abrir con todas as garantías sanitarias para poder gozar do cinema infantil e familiar, dos Bolechas, e de actuacións artísticas de calidade verificable; actuacións deseñadas para a xente de Viana, xente amante da música e do cinema. Agora máis ca nunca agradécese ter a oportunidade de sentar nun cómodo sillón coma os que temos na nosa fermosa Casa da Cultura e deixarse empapar polas notas musicais dun piano, un violonchelo ou a marabillosa voz de María do Ceo que cos seus fados e panxoliñas levaranos ao fondo de nós.

Convidámoste a que veñas a gozar dun filme de Charles Chaplin musicado en directo por Olga Brañas (piano) e Susanna Blanco (violonchelo); ou deixarte encantar pola maxia do piano de María Mendoza que nos leva ao interior onde aínda non puido entrar a pandemia. E para os días de Nadal e Aninovo, días que este ano serán diferentes, convidámoste a ir ao cinema para, en familia, disfrutar da maxia de compartir un fime xuntos.

O Nadal é un tempo de xenerosidade, amizade e gratitude. Este ano queremos homenaxear aos que no 2020 (e sempre) están para coidarnos,
protexernos,a aqueles que coidan dos/as nosos/as maiores nas residencias . O 4 de xaneiro celebraremos actos (sinxelos pero agradecidos) diante do Centro de Saúde, do Cuartel da Garda Civil e das dúas Residencias de Maiores para poder dicirlle aos persoal sanitario, á Garda Civil e aos/ás traballadores/as das Residencias «Grazas», pero un grazas con maiúsculas e ben alto e con orgullo polo traballo realizado neste ano que remata; pero tamén, especialmente, para desexarlles o mellor neste novo ano, coa convicción de que seguirán sendo pilares desta comunidade. Farémolo a
Concello de Viana do Bolo a través dunha panxoliña que cantaremos para achegar o Nadal aos que dan a súa vida para que a vivamos nós.

Un Nadal diferente, pero no que a participación da comunidade é esencial. Agás tres actuacións, o resto das actividades están deseñadas e realizadas por vianeses e vianesas que coa súa arte e dedicación achegan cultura e paixón ao noso concello. Teremos o exemplo máis claro cunha posta en escea estática dun Belén nas fermosas rúas do barrio de Cabo da Vila. Un Belén Vivinte coas garantías sanitarias (distancia, máscaras, medición de temperatura, …) para poder entrar na cidade de Belén e gozar coas súas personaxes. Todo preparado e levado a cabo por máis de 50 figurantes, e deseñado polas asociacións de Viana. Un momento fermoso para «entrar» (nunca mellor dito) no Nadal en Viana do Bolo.

A aposta pola conciliación continúa un ano máis coa Ludoteca de Nadal. Unha oportunidade para que as familias concilien de balde e para que estas
vacacións sexan para todos, sabendo que os/as máis cativos/as están en boas mans gozando e aprendendo.

E a música, os cantos de Nadal, as panxoliñas, esas notas de cor que anuncian que estamos nuns días especiais, que convidan á amizade , a ser mellores
veciños e veciñas, en definitiva, que nos convidan a atopar a nosa identidade a partir de valores positivos. Ben, queremos levar esa música a todos os barrios da poboación de Viana. É por iso que ao longo de tres días persoas voluntarias (namoradas da música) reuniranse para levar os acordes e as notas de Nadal a toda Viana: ao Cabo da Vila, á Praza, Ferradal, Toural, …para que cada veciño/a poida
escoitar esos cantos que lembran que estamos na época máis máxica do ano.

Porque é Nadal, porque nos gusta o Nadal.

Este programa é para ti.

Agardando que gocedes destas festas con ledicia, corazón e sobre todo responsabilidade. Non o esquezas, moita responsabilidade.

Felices Festas.

Abelardo Carballo

 

 

 

También te podría gustar...